Adagio por outono, de Modesto Fraga, por Miro Villar

DesdeMiro Villar o blog de Miro Villar, Crebas:
“Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para recoller unha versión do texto que proferín no lanzamento do libro de poemas Adagio por outono de Modesto Fraga, o domingo 14 na Feira do Libro de Cee. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Adagio por outono, de Modesto Fraga
A XLI edición do Certame Literario de Vilalba que se convoca na capital chairega, nos últimos anos en parcería con Alvarellos Editora que publica os textos premiados, reafirmou a sólida bagaxe poética de Modesto Fraga (Fisterra, 1974) ao laurear o seu Adagio por outono, que chega dezanove anos despois da súa entrada no noso sistema literario. (…)
Esta apelación ao pasado non é gratuíta, pois o poeta arestora con moito máis oficio e cunha voz máis madura, retorna ao cultivo dos metros clásicos cos que se dera a coñecer, nomeadamente os sonetos. De feito Adagio por outono, que prologa Teresa Seara de maneira fulcral, está conformado por 35 sonetos divididos en tres partes e un intermezzo denominado «Pórtico» de catro poemas en verso libre, mais onde sobrancean hendecasílabos, heptasílabos e pentasílabos.
Non é de estrañar esta escolla porque o libro, que recolle nunha dobre páxina unha reprodución dos músicos no Pórtico da Gloria (século XII) e unha folla de carballo na portada, pretende realizar outra actualización dos principios literarios do Dolce Stil Novo, escola poética toscana da segunda metade do século XIII na que sobrancearon Guido Cavalcanti, Dante Alighieri, e moito despois Francesco Petrarca no seu Canzoniere, quen influíron en moitas épocas e literaturas posteriores.
Entre nós hai un bo número de poetas «dolcestilnovistas», aínda que salienta Darío Xohán Cabana, quen non só publicou varios libros con sonetos ao modo petrarquista, poñamos por caso o fermoso Amor e tempo liso (1987), senón que foi o excelente e premiado tradutor dos autores citados e doutras voces daquela época na Antoloxía do Doce Estilo Novo (Galaxia, 2004). (…)”