Desde Que pasa na Costa:
“Como cada ano Malpica convértese na capital galega da poesía erótica. Un evento culural promovido pola Asociación Caldeirón en colaboración co Concello de Malpica. Máis dunha trintena de persoas asistiron á entrega dos premios do XVII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas que se celebrou na Casa do Pescador de Malpica. Andrea Fernández Maneiro, foi a encargada de ler o fallo do xurado.
A obra gañadora foi Feitas ao sisel, de Diana Kurich, elixida polo xurado por unanimidade “pola súa estrutura orixinal desde a inspiración na cantiga popular que se ve substituída coa irrupción dun rexistro culto que provoca unha rica ruptura do poema” entre outros. O xurado tamén concedeu un accésit á obra Corpo nómade, de Teresa Ríos Noya, polo seu discurso feminista na expresión e na procura da propia sexualidade.
No acto, no que estivo presente o Alcalde de Malpica, Eduardo Parga, tamén se presentou o libro Persistencia da música en novembro, do pontecesán Miguel Anxo Mato Fondo, con prólogo de Juan Durán, compositor e Premio Raíña Sofia de Composición 2018, e membro da Real Academia Galega de Belas Artes.”
Arquivos da etiqueta: Que pasa na Costa
Marisa Vidal Collazo: “O feminismo ten que entrar en todos os campos, tamén no sentir relixioso”
Entrevista de Ubaldo Cerqueiro a Marisa de Corme en Que pasa na Costa:
“(…) – Que pasa na Costa (QPC): Quen é Exeria?
– Marisa de Corme (MC): Exeria foi unha viaxeira que no ano 382 fixo unha viaxe dende Gallaecia ata Terra Santa. Exeria, para as mulleres imboliza moito, porque é unha muller buscadora, que quere ir ver, non quere que lle contan, e o máis importante, que recolle por escrito o que ve.
Vai cunha viaxe programada, pensada, e ela dedica todo o escrito a un grupo de mulleres amigas, e podemos comprobar que hai unha preparación e un traballo de documentación colectivo, que Exeria vai completando, coas súas referencias bíblicas e outros libros apócrifos que elas xa manexaban en Gallaecia.
Retratarnos tamén a Igrexa do século IV, nun momento de cambios, cando empeza a entrar no mundo do poder. E lendo entre liñas, ves aquelo que Exeria non conta por prudencia pero que se entende.
Quixen coller ese itinerario, e contrastralo con outras mulleres que tamén no século IV fan cousas moi importantes no seo da Igrexa pero que non se coñece.
– QPC: O libro conta ademais coas ilustracións de Sole Pite.
– MC: Si, Sole foi a miña profe no Rosalía de Castro cando empecei, e dende esa estamos na revista “Encrucillada”, unha revista de pensamento cristián, en galego, na que levamos 40 anos, ela ilustrando e eu no comité de redacción.
– QPC: E como se unen o mundo do feminismo e o cristianismo?
– MC: Sempre fun cristiá. Descubrín o feminismo e a descubrín a “Teoloxía feminista”, que se leva facendo dende os anos 80 en Alemaña, EEUU… lendo a teólogas, a historia se nos conta dende a vista dos homes. Na Igrexa pasa como no resto do campos. Como na ciencia, onde pouco a pouco imos sabendo historias importantes de mulleres que foron silenciadas. Hai que ir desemarañando todo e ir descubrindo as mulleres importantes que foron e son importantes na Igrexa. (…)
Suso Lista presenta Como a roda no muíño: “É unha novela bastante ghamberra”
Desde Que pasa na Costa:
“Xa está nas librarías a nova novela de Suso Lista. O polifacético cormelán presenta Como a roda no muíño (edicións Embora), unha novela con “moito humor, bastante gamberra, e moi crítica, que non vai deixar a xente indiferente”, segundo el mesmo nos conta.
Leva 4 anos inmerso neste proxecto (2 de escritura e 2 de revisións), despois de rematar a súa triloxía de relatos curtos. “Cando rematei Charamuscas, pasei un tempo sen escribir, así en serio, pero un día abrín unha libreta que tiña por casa e atopei uns boquexos dun guión dunha serie que queríamos facer hai 7 anos, bastantes simpáticos. En base a ese guión, (eu vou do revés, en vez de facer a novela e despois a película, fago a novela despois da película) collín un deses personaxes, un galego nado en Suíza, e o trouxen ata casa”, explica.
”A novela empeza dende que vive en Suíza e decide vir á terra dos seus pais. Dende que sae de alí ata que chega ata aquí, facendo o Camiño francés, sucédenlle unha serie de desventuras moi romcabolescas, moi berlangianas. Ese mundo do esperpento é moi galego, moi valleinclaniano, é moi noso e sempre me levou idea”, recoñece. “Unha vez que chega aquí, se desenvolve a maior parte da trama, pero non vou contar máis”.
Aconsella poñer as cancións cando van saíndo, porque hai moita música e moita gastronomía poñendo un pouco de cordura ao surrealismo dominante. Matiza, iso si, que ”é un libro de antes da pandemia, un mundo que xa rematou”.
En todo caso, “se a xente o pasa tan ben como eu escribindo, xa firmo”, valora o cormelán.”
#QuedanaCasa: Guía de recursos didáticos e contidos culturais para pasar o tempo
Desde Que pasa na Costa:
“Xa levamos unha semana confinados nas casas, e ademais dos xogos de mesa de toda a vida, a rede fainos máis doado pasar o tempo. Da man da Asociación de Medios en Galego, despois das colleitas feitas pol@s compañeir@s de CulturaGalega.org, Nós Diario, Praza e Vinte ou Galicia Confidencial, traemos este repaso para toda a familia.
O proxecto Aulas Galegas está sendo unha das iniciativas máis traballadas. Un colectivo de mestr@s de todo o país están facendo unha guía online de verdadeira categoría para que as nais e os pais intentemos facer de profes estes días do #ColenaCasa. Seguro que ao remate desta corentena a sociedade valora moito máis a vosa profesión.
Unha marea de Recursos, orientados por niveis e por materias; curtas feitas nas aulas, información sobre a Atención á diversidade…
Non hai mellor cousa que contar un conto en vivo e en directo, pero para que os maiores aprendamos a contalos, nada mellor que ver un dos contos contados que ten na súa nova web a editorial galega. As súas reportaxes tamén son interesantísimas. (…)”
A picante Cea das Letras deu a coñecer a nova gañadora do Certame de Poesía Erótica, Medos Romero
Desde Que pasa na Costa:
“O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas é un certame único en España. De aí que a 14ª edición deste certame convocado pola A. C. Caldeirón, sexa todo evento, que merece unha emocional Cea das Letras para dar o veredito. O pasado venres tiña lugar esa simbólica cea, que ademais de presentar o libro editado da obra gañadora o ano pasado, serve para coñecer a nova gañadora.
A obra escollida foi Peixes que esvaraban ao unísono, de Remedios Fernández, que toma o relevo de Mario Regueira como gañador do certame. Así o ditaminou, entre as 33 obras presentadas, o xurado composto Tamara Andrés, Mario Regueira e Leticia Varela, concelleira de Cultura do Concello de Malpica.
Segundo este, “a proposta contén unha visión plural do amor, apoiada na ambigüidade dun eu poético que consegue sobordar o tópico da parella de namorados para ofrecer interpretacións poliédricas e deshinibidas da paixón”. (…)”
A xalleira Carme Caramés estrea o Premio de Poesía Concello de Ponteceso Eduardo Pondal
Desde Que pasa na Costa (foto: Xerais):
“O venres 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, o Concello de Ponteceso fixo entrega da primeira edición do I Premio de Poesía Eduardo Pondal. O Concelleiro de Normalización Lingüística e Educación, Carlos Penedo Casmartiño, chamou esta mañá á galardoada, María do Carme Caramés Gorgal, unha veterana dos versos que non fai máis que engrandecer un premio no seu primeiro ano. A vencedora leva un cheque de 500,00 €, un diploma e unha efixie conmemorativa de Eduardo Pondal, e verá a obra publicada por Medulia Editorial.
O xurado quere deixar constancia da calidade dos textos, tendo en conta que s recibiron uns 30 manuscritos, dos cales chegaron a ser finalistas 4 libros de poemas, cuxas cualidades foron destacas no debate de decisión.
Así e todo, a obra de Caramés Gorgal, Da casa, do mar e das ausencias foi escollida por unanimidade, por ser “a obra máis equilibrada e coherente entre as participantes”. “Trátase dun libro que sobresae pola linguaxe serena, un texto redondo, onde cada palabra está xustificada e encaixa coa seguinte, sen distorsións”, valoran os membros do xurado.
”A pulcritude e a harmonía entre a linguaxe e a estrutura interna, deixan a sensación de que nos atopamos cun libro que é froito dun longo traballo, froito á súa vez dun pensamento reflexivo e vivencial”, sentencia.
A gañadora resaltou ao recibir a chamada do Concelleiro, que lle facía especial ilusión inaugurar este senlleiro premio. A xalleira é unha veterana da pluma, e leva dende 2004 gañando premios de poesía, novela e relato. A súa última publicación é a novela A Madriña, editada en 2018 por Edicións Fervenza.
O equipo encargado de seleccionar a obra gañadora está integrado por destacadas personalidades da cultura e as letras como son: Luciano Rodríguez Gómez, licenciado en Filoloxía Románica e profesor na Universidade de A Coruña, ademais de recoñecido crítico literario especializado en poesía; Teresa Seara Domínguez, licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa, profesora e crítica literaria especializada en poesía; Montserrat Yoldi Sanmartín, poeta e profesora de lingua e literatura nun instituto coruñés; o pontecesán Miguel Anxo Mato Fondo, poeta e profesor xubilado de lingua e literatura galega e Xulio López Valcárcel, consagrado escritor e director da editorial Medulia xunto con Diana Varela Puñal, que exercerá de secretaria recollendo acta da sesión.”
Diana Varela Puñal: “Sempre é necesario que a xente lea máis, e particularmente poesía”
Entrevista a Diana Varela Puñal en Que pasa na Costa:
“(…) – Que pasa na Costa (QPC): Es avogada de profesión e convertécheste, tamén, nunha grande escritora. Que foi antes, a vocación literaria ou a profesional?
– Diana Varela Puñal (DVP): Sempre tiven claro que quería ser escritora, de feito é das poucas cousas das que nunca dubidei. A profesión de avogada escollina porque certamente gústame o exercicio da avogacía como modo de vivir, pero a miña vocación é a literaria. (…)
– QPC: Na túa última publicación, Non, amor, decidiches transformar varias das composicións da obra en pezas audiovisuais. Ti mesma tes afirmado que o fixeches co fin de conectar coas xeracións máis novas.
– DVP: A poesía é música, por iso coido que a video-poesía non é ningún invento novo, senón usar as tecnoloxías das que dispoñemos para facer o que sempre se fixo, que é recitar poesía. Os troveiros de antano facíano con outras ferramentas, pero no ano 2019 o razoable e empregar os medios dos que hoxe dispoñemos; o cal non implica que os medios tradicionais non sirvan, senón que son perfectamente combinables. Iso por non falar do necesario que é atraer e animar á xente nova a que lea poesía.
– QPC: Neste sentido, cres que é necesario que haxa máis lectores de poesía?
– DVP: Si, sempre é necesario que a xente lea máis e particularmente máis poesía. Iso exercita o pensamento reflexivo, a interpretación, que son ferramentas poderosas contra a frivolidade e as simpleces argumentativas. Unha sociedade cun discurso simplista é caldo de cultivo perfecto para a xustificación da violencia, a instalación do feísmo e da vulgaridade. (…)”
Mazaricos entregou os premios do certame literario máis antigo de Galicia
Desde Que pasa na Costa:
“O auditorio da Casa da Cultura de Mazaricos acolleu a entrega de premios da XLIV edición dos premios de relato curto Modesto Rodríguez Figueiredo. O concello mazaricán quixo colaborar co certame literario máis antigo de Galicia, que organiza a Fundación Pedrón de Ouro.
O mantedor do acto, académico e fillo predilecto do Concello, Manuel González González pronunciou un sentido discurso enlazando as cualidades de Mazaricos coas do premio: “Ningún sitio máis acaído para a entrega deste premio, o máis enraizado en Galicia, ca o Concello de Mazaricos, berce de galeguidade ata os miolos, cunha personalidade conformada ano a ano, século a século, desde tempos ben recuados na historia”. González tamén recordou a todas as personaxes que pariu Mazaricos, desde Tania Fuegho a Ismael Ramos, pasando polo seu compañeiro de infancia, o escritor Silvestre Gómez, que formou parte do xurado desta edición.
Despois da música de Xoán Curiel e benvida do alcalde Juan José Blanco Riveiro, chegaba o momento da entrega. O gañador, José Carou recibiu o primeiro premio, cunha dotación de 1000€ pola obra Afán e infortunio dos días estragados. O autor afirmou sentirse “máis profesor de filosofía que escritor” se ben ambas as dúas cousas “resultan plenas”.
Miguel Anxo Martínez Oubiña e Bibiana García Soto, conseguiron os dous accésits, dotados de 400€ polas obras Serpes e A liberación tras a escuridade.”
Miguel Anxo Mato Fondo: “Os escritores de hoxe en día movémonos con absoluta comodidade tanto na galaxia de Gutenberg coma na online”
Entrevista de Paula Vázquez a Miguel Mato en Que pasa na Costa:
“(…) – Que pasa na Costa (QPC): Karen Blixen, Catarina, Teresa e Lorelai son as protagonistas de Adeus, capitán Walton. Porque esta temática feminista?
– Miguel Anxo Mato Fondo (MAMF): Isto é algo que sempre está na miña obra, e non sei moi ben porqué. Quizais por lecturas, xa que as miñas escritoras favoritas son mulleres… Pero digamos que emprego a voz feminina para esconder a miña voz detrás dela.
– QPC: Cal dirías que é o fío condutor dos textos?
– MAMF: Non sei que dicirche aquí, porque os relatos son bastante diferentes entre si. Penso que o fío condutor na literatura sempre é o estilo literario máis que os argumentos. Nos meus relatos creo que é importante resaltar o símil literario que hai, presente en cada un deles. Trátase de relatos que non teñen practicamente argumento. Teñen principio e final, pero ben podería ser o final o principio, e viceversa. Son momentos que presentan unha gran diversidade de técnica narrativa, baseándose na descrición e no monólogo interior en primeira persoa.
– QPC: Entón, como definirías a obra?
– MAMF: Diría que son diferentes momentos da vida de moita xente que, neste caso concreto, son mulleres, pero que tamén poderían ser homes.
– QPC: E máis alá deste libro en concreto, cres que hai espazo para a lectura do libro físico na era do dixital e as novas tecnoloxías?
– MAMF: Este é un tema moi peliagudo [ri]. Eu creo que si! Eu agora mesmo utilizo todos os medios para escribir, xa sexa con pluma estilográfica sobre papel ou no portátil. Cando comezou o boom do dixital eu dicía que non vía iso de escribir un poema nun ordenador, e hoxe en día xa me parece absolutamente normal. A día de hoxe, escribo notas coas pluma na miña libreta e logo pásoa ao ordenador, ou mesmo escribo na aplicación do móbil. Fágoo indistintamente.
E en canto á lectura, de preferir… prefiro un libro de poemas en papel pero, por exemplo, o ensaio é un xénero que leo moito en dixital e descargo moitos textos e teses de doutoramento por este medio. Creo que hoxe en día os escritores somos bastante eclécticos, isto é, movémonos con moita comodidade tanto na galaxia de Gutenberg como na galaxia online.
– QPC: E de cara ao futuro, que proxectos tes entre mente?
– MAMF: Si, estou cun libro que se vai chamar O lector do paraíso, que xa teño moi avanzado. Trátase dun libro de memorias. É literatura memorialista escrita en primeira persoa.”
Falece Paco Souto mentres mariscaba en Razo
Desde Que pasa na Costa:
“Paco Souto –percebeiro, concelleiro do BNG en Malpica, activo escritor de poesía e membro da asociación cultural Caldeirón– faleceu esta mañá mentras mariscaba na zona da punta de Razo, en Carballo. Polo momento descoñécense as causas do suceso no que outros tres percebeiros que traballaban na mesma zona tiveron que ser rescatados.
Os equipos de emerxencias continúan nestes momentos a traballar no lugar do suceso do que se deu a voz de alarma arredor das 12:20 horas. Un helicóptero medicalizado desprazouse ata alí para evacuar das rochas a un dos mariscadores ferido xa que segundo informan dende o 112 se atopaba nunha illada.”