Artigo de Rosa Enríquez na Sega:
” “A miña Antígona, chamada Elvira, vive na Idade Media, finais do século XI. (…) -explica María Xose Queizán no prólogo da triloxía teatral, Antígona, A cartuxeira, Neuras– Esta Antígona non se limita a querer enterrar o seu irmán dun xeito particular. Esta Antígona desafía o poder e sae do privado, do feminino, e pretende enterrar o irmán nun acto público e revolucionario. Non permanece na lei escura, na lei da muller, senón que irrompe na lei pública, na lei masculina, e decide contestala. Trátase pois dunha Antígona política”. Con esta aclaración, Queizán pon enriba da mesa o seu desexo de revisar esa Antígona ancestral, imaxinada, no seu inicio por Sófocles, e tantas veces recreada por escritores e artistas de todas as épocas. María Xosé, consciente disto, identifícase como “intérprete” dese personaxe clásico que tanto interese ten suscitado ao longo dos séculos. “Os mitos e a súa trascendencia xeran a dinámica da repetición. Repetir, reincidir, é a base da escrita. Ser escritora consiste en ser intérprete das interpretacións, en palabras de Montaigne”, explica a autora. E leva razón, mesmo cando cremos escribir algo diferente, estamos interpretando. Así aconteceu coa obra do dramaturgo grego. A proliferación de Antígonas nas artes, alén das letras, é unha proba evidente do efecto causado por este personaxe feminino. Aí está a de Garnier, por exemplo, que, como moi ben apunta a viguesa, representa “unha mater dolorosa do século XVI”; a de Romain Rolland, profundamente antibelicista e mesmo “santificada”, dende un punto de vista laico, con ese “vaticinio” sentencioso do francés, que a escritora galega recolle tamén no prólogo e que reza así: “¡Só as mulleres poden salvar a humanidade das mans dos homes!”. As mulleres como salvadoras? Non sei se esta “concesión moral” de Romain Rolland pode interesarnos. Entendo a expresión e o contexto no que se produce. Valoro tamén a concienciación do autor, mais non creo que iso de nos atribuír “a misión” de “salvar os homes”, mesmo “a humanidade” en xeral, sexa unha visión feminista en absoluto. Máis ben semella unha especie de santificación laica de noso, na que, obviamente, o elemento nuclear volven ser eles e as súas necesidades. Daquela, volvo insistir, esta idea da muller como salvadora de homes nin me agrada, nin me parece revolucionaria. Porque o interesante, o realmente necesario, é rachar o núcleo do patriarcado, de xeito que o foco de atención deixe de ser a heterosexualidade masculina.
Non pode haber un único foco. Por iso, no canto de traer aquí a cita de Shelley iso de que “todos somos gregos”, por mor da influencia que esta construción cultural tivo e ten en Occidente, case prefiro afirmar que “todas somos Hipatias”, por exemplo. Ou Antígonas xa que estamos.
María Xosé Queizán: Antígona. A cartuxeira. Neuras, 2008, Galaxia.”