Entrevista a Miguel Anxo Fernández en La Voz de Galicia:
“O intrépido detective creado por Miguel Anxo Fernández no ano 2002 con Un nicho para Marilyn, volve ás andadas. Nesta ocasión, o personaxe regresa da costa oeste dos Estados Unidos onde vive, para resolver un caso nada menos que en Lalín. A trama comeza cun detalle certamente autobiográfico: «estaba eu na Festa do Cocido de Lalín cando comín un chourizo que contiña un óso, entón pensei que podería ser a metade dun dente humano». Así naceu a idea inicial que dá nome á nova entrega desta saga policial, Un dente sen cadáver.
Frank Soutelo amosa as raíces galegas en de todas as entregas. Nesta ocasión, a súa relación concreta coa vila mariñeira onde se presentará mañá o libro é múltiple. «Como en toda a serie, mantense a relación con Beni, quen rexenta un restaurante na costa de Santa Mónica. Alí a relación có home galego é directa, porque Frank frecuenta esa taberna, e aquí o personaxe de Beni segue presente, primeiro pola familia deste en San Tomé, en Cambados, e logo coa presenza dunha tía en Muros, onde Frank vai cando viaxa a Galicia para levarlle as receitas ao seu amigo». (…)
A actualidade volve ás páxinas desta serie de misterio. A explotación da muller, a inmigración e a especulación son algunhas das cuestións que se incorporan á vida do detective. «Para min a novela policial ten que ser entretemento, parto desa base, pero tamén ten que invitar á reflexión», aclara o autor, antes de adiantar a modo de spoiler algunhas das encrucilladas nas que Soutelo se somerxe nesta ocasión. «Por desgraza os trazos de actualidade que introduzo nesta novela ocorren en medio mundo, así que Galicia é perfectamente fonte de inspiración destes feitos».”