Entrevista a Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): É unha novela histórica ou de ficción [O espello do tempo]?
– Ramón Nicolás (RN): Hai unha figura histórica, a monxa alemá Hildegarda von Bingen, e a outra é unha personaxe que sitúo no mosteiro, Ona Guiomar. Ese diálogo que establecen esas personaxes é histórico e o contexto que as rodea. Arredor diso hai unha intriga contemporánea, da man dun historiador ao que lle chegan, dun xeito un tanto fortuíto, unha serie de papeis, e a partir de aí empeza a investigar. Mestura unha intriga cunha parte máis puramente histórica.
– LVG: Por que personaxes femininas?
– RN: Estaba obrigado porque o mosteiro de San Pedro foi un cenobio feminino, gobernado por unha ona, ou abadesa; reciben este nome só aí, é unha singularidade do galego-portugués da época. As personaxes femininas eran de regra porque poboaron ese mosteiro e gobernaban esas terras. A outra personaxe feminina, Hildegarda von Bingen, vén ao fío da propia Ona Guiomar. É contemporánea dela -falamos do século XII- unha persoa con moitos saberes no ámbito da protomedicina, da bioloxía ou da curación natural. Pareceume interesante poñelas a dialogar. A parte epistolar da novela está baseada nese diálogo entre as dúas mulleres.
– LVG: E lle dá esa capacidade intelectual porque tamén a tiñan nesa época medieval?
– RN: Hildegarda von Bingen é unha destas grandes mulleres da historia. Posuía moitos saberes e publicou libros. Ona Guiomar establece un diálogo con ela para aprender e lle amosa realidades do seu entorno que non son tan distintas das que comenta Hildegarda. (…)”