Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Begoña Paz:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
-A empatía. Faime consciente do moito que lles fallo aos outros.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-O respecto cara ao que es.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Son eles os que agardan. Sempre chego tarde.
4.– A súa principal eiva?
-A dispersión. A procrastinación. A timidez. O medo ao medo.
5.– A súa ocupación favorita?
-Matinar ollando pra o teito.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Mirar pra o teito en boa e silenciosa compaña.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Ter tempo abondo de mirar pra o teito.
8.– Que lle gustaría ser?
-Traficante de libros (bos).
9.– En que país desexaría vivir?
-No que teño sobre os ombreiros. Fuxo del con abonda frecuencia.
10.– A súa cor favorita?
-O azul. O verde. O negro.
11.– A flor que máis lle gusta?
-Non me gustan as flores.
12.– O paxaro que prefire?
-Non me gustan os paxaros.
(Adoro as pedras feas. E amo a unha gata. Sospeito que podería amar a calquera mamífer@ de ollada magoada)
13.– A súa devoción na prosa?
-A claridade.
14.– E na poesía?
-As cicatrices.
15.- Un libro?
-Non, grazas.
16.– Un heroe de ficción?
-Cándido. Jane Eyre. Sorel. Tracy -Hepburn- Lord. Mafalda. Banksy.
17.– Unha heroína?
-Unha relixión?
18.– A súa música favorita?
-A que me fai chorar. A que me fai sorrir.
19.– Na pintura?
-A pel de Freud.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Os que amo. Aínda aí.
21.– O seu nome favorito?
-Homesen.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-O cepillo de dentes sen usar.
23.– O que máis odia?
-Odiar.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Abonda con esquecela.
25.– Un feito militar que admire?
-Asalto ao Forte Comansi.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-O control sobre o meu fóbico sistema (anti)simpático.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Obviemos o teito: De felicidade, de riso, de amor, de pracer. Até a última raia da batería.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Culpable.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Os que só mancan aos que os padecen.
30.– Un lema na súa vida?
-Nin-de-co-ña.”