Daniel Asorey: “Que tería pasado se os Irmandiños tivesen gañado?”

Entrevistadaniel-asorey a Daniel Asorey en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza: Vés de gañar o Premio de Narrativa Breve Repsol 2016 por unha novela ucrónica que acontece nunha república galega e no Brasil. Cóntanos máis dese libro que poderemos ler a partir de novembro en Galaxia.
– Daniel Asorey: A historia vai sobre tres mulleres en varios momentos históricos, con amor de mulleres tamén. Unha sería a mediados do século XVII, e outra acontecería nos anos 30 do século XX. Hai tres mulleres en tres momentos determinados. A historia comeza cunha foto dunhas decapitacións, que foi a que inspirou a novela. Decapitaron a uns ‘cangaceiros’, unha especie de bandoleiros que existiron no ‘sertao’ do nordeste brasileiro e que coa época do Estado Novo [ditadura portuguesa do s. XX] acabaron sendo perseguidos e aniquilados. Dentro da mitoloxía popular brasileira, eran xente que roubaba aos ricos para lle dar aos pobres, aínda que cometeran crimes terribles. A historia comeza con esa foto, que son sete cabezas dunha banda famosa no Brasil, e unha xornalista tirando unha foto. Unha das protagonistas é unha desas mulleres que logo foron decapitadas, María, que é unha gran bandoleira; outra sería a fotógrafa, que se chama Matilda en honor a Ruth Matilda Anderson. E a outra sería unha vedora, un cargo que eu inventei, unha inspectora ou algo así do século XVII nunha suposta República das Santas Irmandades da Galiza. Esta ucronía sae dunha pregunta: que tería pasado se os Irmandiños tivesen gañado? Entón podería ser que tivesemos unha república galega, que se cadra puido ter loitado polos territorios que tiña Portugal no nordeste de Brasil, como fixo Holanda. E que fariamos alí? Seguramente practicariamos o colonialismo. Hai algo importante na novela, que é a Compañía Galega de Indias, que tería traficado, como fixeron os holandeses e os ingleses. (…)”