Do “natural” e o “ideolóxico”, artigo de Lara Rozados sobre a obra de María Xosé Queizán

DesdeMaría Xosé Queizán a Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Neste ensaio (Anti natura, Xerais, 2008), María Xosé Queizán dálles unha volta ás ideas asumidas como lexítimas nas que se asenta o patriarcado. Esta “viaxe polo saber” rebate aOs grandes sabiOs da Historia, e evidencia as contradicións entre teoría e praxe en moitas ocasións: eis o desprezo polo “traballo improdutivo”, ou traballo doméstico, común a Marx e Adam Smith. Tivo que ser a Hannah Arendt d’A condición humana quen sinale que é este traballo, “improdutivo” e repetitivo dxs criadxs, o que garante a liberdade dos amos (p. 18). Máis adiante aludirá Queizán á importancia do “contrato sexual” para mellor entendermos a “naturalización” e asimilación desta división social do traballo (p. 81), e (debate urxente e necesario) á condescendencia da esquerda co tema da prostitución: “para a esquerda, o capitalismo non é atroz cando o artigo de consumo é unha puta, cando o traballo alienado é cun corpo, corpo de muller. A miseria é inaceptable en abstracto, cando se canta puño en alto, “en pé os escravos da terra” porque eses escravos non son os corpos que compran pene en alto” (p. 99) .
Volvendo a Marx e demais… Queizán recupera o traballo de Arendt para pór en evidencia este silenciamento da primeira estrutura de opresión da sociedade, do mesmo xeito que recupera á Mary Wollstonecraft da Vindicación dos dereitos das mulleres para botar luz sobre esoutra contradición da Ilustración: os fundadores da democracia moderna, que proclamaban igualdade entre os homes (entre os homes, non entre as persoas), mais aos que non lles tremeu a man para decapitar a Olympe de Gouges, non dubidaron en manter a dicotomía entre cultura e natureza, entre a razón pura ou práctica, reservada para os homes e o espazo do privado, e a suposta “animalidade” das mulleres (p. 27). E, desde logo, desmonta con moito acerto Queizán a figura patriarcal (fálica, atreveríame a dicir) por antonomasia: Sigmund Freud, artífice dunha disciplina que contribuíu a implantar as ideas máis reaccionarias sobre a familia, mesmo revestíndoas de liberación e de ciencia (cando, como moi ben sinala a autora, nin fixo traballo de campo, senón que elaborou as súas teorías a partir da súa experiencia clínica, p. 59). (…)”