Isabel Mociño: “Faltan ferramentas que contribúan a levar as aulas a LIX de calidade”

Entrevistaisabel-mocino-eduardo-castro-bal-2013 a Isabel Mociño en Sermos Galiza:
“A Asociación de Escritoras e Escritores e Lingua Galega (AELG) organiza o ciclo de literatura infantil e xuvenil que leva por lema “Música e poesía desde a primeira infancia” e que comezará esta cuarta feira en Ourense. Conversamos con Isabel Mociño, profesora da Universidade de Vigo e coordinadora das xornadas.
(…) – Sermos Galiza (SG): Por que nacen estas xornadas?
. Isabel Mociño (IM): Desde que estou aquí [é profesora da Facultade de CC da Educación do Campus de Ourense] vin necesidade de que alumnado puidese coñecer de primeira man os autores e autoras que crean literatura infantil e xuvenil, que é quen vai ter que traballar no futuro como mestres e mestras. Percibo que existe pouco coñecemento en xeral que poida fornecer criterios para seleccionar obras coa que traballar nas escolas. Faltan ferramentas que contribúan a levar as aulas esa LIX que se publica e que ten tanta calidade literaria, e que, pola outra banda, moitas veces se ignora. Eu vexo sistematicamente que, ano tras ano, o alumnado chega a terceiro de carreira e non coñece nada: autores, obras… e ao cabo dun ano esas persoas van estar opositando para ser mestres.
– SG: Entón, cal é o obxectivo?
– IM: O obxectivo é que a partir dunha serie de autores e autoras o alumnado teña ideas para poder traballar a literatura infantil e xuvenil nas aulas. Nesta ocasión, con “Música e poesía desde a primeira infancia”, queremos que o alumnado coñeza obras de poesía, coleccións en que se combine poesía e música, como traballar eses materiais nas aulas, cal é a importancia de achegar a música e a poesía á infancia… O alumnado é quen actúa como mediador entre os produtores (os autores e autoras) e o destinatario principal (a infancia). (…)
– SG: Como é o estado de saúde da nosa literatura infantil e xuvenil?
– IM: En termos xerais, goza dun estado de saúde moi bo, mais hai algunhas feblezas. Seguimos tendo unha produción anual onde hai unha serie de autores e autoras moi destacados a nivel galego e internacional; segue habendo editoras que apostan e seguen innovando; segue habendo un papel da tradución moi importante ao achegársenos clásicos que é necesario ter en lingua galega… mais é importante ver que houbo un baixón moi importante a respeito da calidade da produción. Falo en xeral. Os autores consolidados seguen mantendo a calidade, pero hai moita produción para nenos que non ten unha calidade mínima, nin a nivel literario nin a nivel visual (todo o que ten a ver coa ilustración). E tamén me preocupa a visibilización da produción. Antes da crise había suplementos de xornais en papel que lle daban unha visibilidade moi importante á LIX, pero nos últimos anos foron desaparecendo todos. É realmente preocupante ver que algúns medios emigraron á rede e non sempre é fácil chegar á rede. É necesaria unha crítica máis ampla e pormenorizada que cribe máis a produción que chega ás librarías, que, pola outra banda, non sempre ten a literatura galega en lugares visíbeis. (…)”