Entrevista a Ramón Nicolás en Lecturafilia:
“(…) – Lecturafilia (L): Dirixes a páxina web Caderno da crítica, ¿como xorde este proxecto de promoción da literatura galega na rede e cal é a súa función?
– Ramón Nicolás (RN): O meu obxectivo foi aproveitar as potencialidades da rede para difundir, neste medio, o traballo crítico ou divulgativo que levaba a cabo xa desde tempo atrás noutras plataformas analóxicas. A súa intención sempre foi, pois, divulgativa co propósito de abrir unha nova ventá, pois naquela altura xa existía algunha como a do crítico Xosé Manuel Eyré, para visibilizar o traballo de voces contemporáneas da literatura galega. Aos poucos foron aparecendo outras “seccións” como as centradas nos manuscritos, algunha entrevista ou a dos chamados “Cuestionarios Proust” que cumpren idéntica función. O “Caderno” dalgún xeito, supón unha parte relevante da miña propia identidade dixital polo que tamén acolle, por veces, outro tipo de comentarios, crónicas ou información sobre cuestións que me atinxen máis persoalmente. (…)
– L: Mesturas [O espello do mundo] o mundo actual coa documentación histórica. É sempre o pasado unha boa fonte para explicar o presente?
– RN: A novela presenta varios planos temporais pero xorde dunha igrexa románica, o único resto dun cenobio feminino do século XII rodeado, na actualidade, dun xeriátrico construído cunha inspiración arquitectónica moderna. Aí xa hai, de seu, un contraste brutal, unha metáfora con moitas lecturas que quixen encher de contidos. E o primeiro deles era o intento de deseñar a vida cotiá, naquel preciso lugar e naquel tempo, e que se proxectase na actualidade. Loxicamente, botar a ollada atrás non é o único recurso posible para explicar ou reexplicar o presente pero para o que eu quería comunicar resultaba necesario e, de feito, a recuperación da memoria é un dos eixes polos que camiñei conscientemente nestas páxinas. (…)
– L: Tras 25 anos exercendo a crítica literaria é inevitable que vises moitos dos cambios que experimentou a literatura, pero quizais o máis salientable son as formas de opinión, ¿como ves o panorama das críticas en blogs ou nos tradicionais suplementos culturais?
– RN: Nos formatos tradicionais ou analóxicos non advirto demasiadas mudanzas. Xa daquela existían escasas plataformas para visibilizar a nosa literatura e estas seguen sendo escasas, co engadido de que o espazo destinado aos formatos de crítica ou opinión literaria foi, gradualmente, diminuíndo, cando menos falo da miña propia experiencia. En canto aos medios dixitais non existe tal limitación e posúe a vantaxe do “feed back” co internauta, cada vez menos intenso por outra parte, mais a lectura nestes medios esixe, tamén, contención e limitación pois as lecturas que se practican neste formato son case sempre rápidas, máis próximas á verticalidade que á horizontalidade lectora. (…)”