Falece o sociólogo Fermín Bouza aos 70 anos

Desdefermin-bouza-alvarez Sermos Galiza:
Fermín Bouza Álvarez (Compostela, 1946) faleceu o 29 de outubro aos 70 anos de idade. Sociólogo e escritor, era fillo do gran poeta e intelectual Fermín Bouza-Brey. Desde 1969 residía en Madrid, onde impartía aulas na Universidade Complutense.
Autor de obras como Labirinto de inverno (Premio da Crítica), Longo voo de paxaro, Memoria do diaño, O tempo na auga ou Las bodas secretas de Lilia, alén das obras colectivas, escribía de maneira periódica en castelán no seu blog El voto con botas. A derradeira entrada no seu blog daba conta, precisamente, do seu delicado estado de saúde e informaba da súa saída da UCI.
Na biografía que escribiu para a AELG, salientaba que comezou a escribir na revista do colexio e revelaba que posuía un libro de poemas inédito que aínda conservaba, A Barlovento. “Son un lector irregular e gozo moito mirando para a xente e para as cidades na vida de cotío. Quizais porque son sociólogo. A literatura vai coa miña vida e a vida do que me envolve, que é o que conto en xeral. É unha escrita que son eu”, afirmaba.
Aliás, o escritor sinalaba que a súa escrita é parecida a el, “fuxidía e algo estraña”. Nese sentido, puña de manifesto que Labirinto de inverno era a súa vida, “coas súas claves e misterios” e chanceaba cunha errata que contiña esa obra [por Viaraz pon voraz] e que o “torturaba un pouco”.”