Entrevista de Xosé Duncan a Xurxo Esquío en Lermos.gal:
“(…) – Lermos (L): Cal é a túa relación coa literatura?
– Xurxo Esquío (XE): Pois son un avezado lector desde moi novo, comecei co típico: Salgari, Los Cinco, Los 6 amigos … etc., e aos trece anos lin un libro que me marcou bastante, O Hobbit de Tolkien. A partir de aí ata o de agora, nunca deixei o hábito nin as ganas de ler… Así que a miña relación, máis alá de ser un hobby, podería dicirse que é parasitaria, preciso a lectura para alimentar a miña imaxinación e para evadirme. (…)
– L: Que opinas do panorama literario galego, desde o punto de vista de lector?
– XE: Penso que é un pouco endogámico, ao mesmo que sucede con todo o espectro cultural galego, que eu coñeza. O amiguismo é un cancro en todos os ámbitos de Gz. Entón, vese un pouco sempre o mesmo e feito por @s mesm@s. Por outra banda, hai que ver quen gaña os certames, literatura moi tradicional, que non arrisca en absoluto, moi cuadriculada; con moita calidade e necesaria, si, pero tamén debería darse oportunidade a algo diferente, mesmo que conecte máis coa xuventude. Só algunha editorial máis pequena aposta por iso, como pode ser Urco, á que xa sei que estades conectados, e sen ánimo de “pelotear”, felicítovos por iso. Hai que arriscar, a literatura debe evolucionar ao ritmo da sociedade! (…)
– L: Algunha reflexión final, sobre a cultura galega, a política, as artes, o mundo en xeral?
– XE: Pois unha reflexión sobre a nosa cultura, que en primeiro termo é a pasada, a que fixeron os nosos devanceiros e que sentaron as bases do que somos e do que é a nosa cultura. Pero esta é un ente vivo, e coma tal vai mudando co paso do tempo, vai crecendo e para iso hai que coidala e alimentala. Polo tanto, tan importante debe ser a nosa cultura actual; mellor ou peor pero nosa. Por iso debemos apoiala de corazón e de cabeza, se realmente queremos avanzar na construción dun país mellor e máis avanzado socialmente. (…)”