Entrevista a Camilo Nogueira en Praza:
“(…) – Praza (P): Como recibiches a nova da homenaxe? Como te sentiches?
– Camilo Nogueira (CN): Ben, cun grande agradecemento. E cunha certa sorpresa, porque o grupo de amigos e amigas que tomaron esta decisión tomárona e non me deron dereito a réplica por así dicilo. E sorpresa tamén por algúns artigos que estou lendo estes días, moi agradecido. (…)
– P: Como ves o actual momento político de Galicia e de Galicia dentro do Estado Español? Cara a onde camiñamos?
– CN: Pouco a pouco vanse comprendendo as cousas. E creo que nalgún momento se vai aceptar a condición de Galicia como nación, como nación do mundo. Neste senso hai moito traballo por diante, comezando polo propio recoñecemento en Galicia da propia realidade nacional galega. Hai moitas posicións políticas que non se desprenden do españolismo. Dicir dende Madrid que Galicia é excéntrica é un despropósito, porque se algo é excéntrico é Madrid, nós estamos abertos ao Atlántico. Creo, en todo caso, que o recoñecemento da plurinacionalidade do Estado español é algo inevitable, non sei cando ocorrerá, pero acabará sucedendo. España será plurinacional ou non será. Cando Galicia eleve a súa conciencia nacional verá recoñecido o seu carácter de nación. Galicia será recoñecida como nación, pero para iso temos que estar preparados. Recoñecerase que a fronteira do galego está en Porto Alegre ou nalgunha parte de África e que o galego é unha lingua tan universal coma o castelán. E recoñecerase que no pasado nos amolaron moito economicamente, pero que agora temos unha economía moi avanzada.
– P: Neste senso, ti traballaches por esa apertura de Galicia cara á Lusofonía. Como valoras o seu futuro?
– CN: Ti vas a Brasil e os brasileiros dinche que falan contigo moito máis comodamente que cos lisboetas, todo o mundo recoñece que hai mesmo máis semellanzas que co portugués que se fala en Portugal. Ou estes días, que chegan tantos peregrinos brasileiros a Compostela, cando falas con eles quedan marabillados de que falemos exactamente igual. Non recoñecer iso é produto do españolismo, nada máis. Estas cousas, que parecen anecdóticas, son vitais, mesmo para a autoestima dos galegos. Hai moitas dificultades, pero pouco a pouco a xente vai recoñecendo isto e vaise aceptando esta idea. (…)”