Entrevista de Montse Dopico a Alfonso Mato en Praza:
“”Partimos da camiñada dos homes de Nós a Teixido e logo, seguindo o camiño do ensaio e da digresión, falamos do camiñar a pé, os camiños, os peregrinos, os paseantes, as guías de viaxe, os turistas, os viaxeiros, os vagabundos literarios ou as actuais, e nalgúns casos perversas, formas de camiñar. E paramos ao chegar ás 200 páxinas para non aburrir aos posibles lectores”. Así resume Alfonso Mato o contido de De camiños, viaxeiros e camiñantes, o libro, cuxa autoría comparte con Santiago Lamas, gañador do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2015.
– Praza: En xullo de 1927, Otero Pedrayo, Risco e Ben-Cho-Shey inician o camiño cara a Santo André de Teixido. O relato desta viaxe queda recollido en Pelerinaxes I. (Itinerario d’Ourense ao Santo Andrés de Teixido). Desta viaxe, e deste libro, parte o ensaio De camiños, viaxeiros e camiñantes. Por que?
– Alfonso Mato: Santiago Lamas tiña escrito un texto sobre o libro de Otero que lle encargara unha persoa que despois non se interesou por el. Lamas envioume o texto e propúxome que o continuase. Os dous leramos Pelerinaxes, admiramos a obra de Otero Pedrayo e temos especial querenza polos libros de viaxes, viaxeiros e camiñantes. Pola miña parte, coñezo bastante ben a época e aos protagonistas da viaxe e teño práctica como investigador e documentalista para procurar a información máis concreta sobre o tema.
Partimos da camiñada dos homes de Nós a Teixido e logo, seguindo o camiño do ensaio e da digresión, falamos do camiñar a pé, os camiños, os peregrinos, os paseantes, as guías de viaxe, os turistas, os viaxeiros, os vagabundos literarios ou as actuais, e nalgúns casos perversas, formas de camiñar. E paramos ao chegar ás 200 páxinas para non aburrir aos posibles lectores. (…)”