Desde a Deputación de Ourense:
“O escritor, ensaísta e investigador cinematográfico Miguel Anxo Fernández (O Carballiño, 1955) foi o gañador do XXXV Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor coa obra Blues para Moraima. O xurado do certame que organiza a Deputación de Ourense deu a coñecer hoxe seu ditame, elixindo por maioría a obra do escritor carballiñés de entre 22 novelas presentadas ao premio.
O galardón, cunha dotación económica de 12.000 euros, foi concedido polo xurado á obra de Miguel Anxo Fernández, destacando da novela Blues para Moraima “a axilidade narrativa, o tratamento histórico dunha época e a introdución do tema do cine e a televisión como canle de desenvolvemento dunha intriga que atrapa ao lector”. Asemade, o xurado destaca na acta “o punto de vista sobre o exilio e a vivencia artística desde a diáspora, factor de coincidencia coa biografía de Eduardo Blanco Amor”, e expresa a súa satisfacción polo mantemento deste premio grazas á Deputación de Ourense, “contribuíndo de xeito decisivo á súa consolidación”. (…)
O xurado, que deu a coñecer seu ditame no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” estivo integrado por polo poeta, Luís González Tosar, presidente; a crítica literaria, Ánxela Rodríguez, secretaria; os profesores, Ramón Gutiérrez e Luciano Rodríguez; e a escritora Inma López Silva, como vogais.
A entrega do galardón terá lugar o vindeiro 1 de decembro no Liceo de Ourense -coincidindo co trinta e sete cabodano do autor da Esmorga-, acto no que o premiado recibirá, xunto á achega económica do premio, unha escultura do artista ourensán Acisclo Manzano, realizada especialmente para este premio. (…)”