Entrevista de Montse Dopico a Xavier Queipo en Praza:
“(…) – Praza (P): “Algún día contarás de que estás fuxindo”, dille un amigo ao personaxe principal da novela. Que significa a viaxe para este personaxe [Os kowa]?
– Xavier Queipo (XQ): As viaxes son sempre unha procura, as máis das veces produto da inestabilidade emocional. Precisamos algo que non temos, o que sexa: rachar coas rutinas, fuxir dunha situación incómoda, partir no ronsel dunha ilusión ou dunha quimera. Cada viaxe é diferente, pois responde a unha necesidade distinta. Mais como pano de fondo non hai que esquecer que no subconsciente está, sen dúbida, o noso pasado nómade. Esta personaxe, nese momento preciso, vai deixar atrás unha relación sentimental e aproveita a oportunidade dunha expedición internacional para saír desa situación.
– P: O libro está dedicado, ademais de ás persoas que te estiman, “aos indios Kowa, se existisen”. Non sei se existen, pero a lectura da novela dá ganas de que existan. O que si parece é que a descrición que fas deles procede, quizais, da mestura de características de distintas tribos da Amazonía… Como xorden os Kowa, como traballaches para crealos?
– XQ: Os indios Kowa non existen máis que na miña imaxinación, que ás veces baixo a aparencia de verosemellanza, inventa feitos e personaxes, e neste caso tribos, que nunca existiron nin existirán. Dende que os camiños da vida me afastaran do meu ideal xuvenil de explorador, lin moitas novelas de aventuras na selva, no océano Ártico, nas estepas rusas e nos mares da China ou das illas da Sonda. Fun creando así, unha cosmogonía propia e atemporal, que foi pousando durante anos sen número e aboiando aquí e alá en contos e novelas. Certo que hai tamén experiencias propias, mais estas restrínxense ao Atlántico Norte, o Océano Artico e as selvas do sudeste asiático. O demais son viaxes as cidades e vilas das costas do Atlántico, o Mediterráneo e o Mar Negro. Os Kowa, son pois produto das lecturas de antropoloxía cultural e novelas amazónicas dos moitos escritores que me precederan. (…)
– P: Ademais, sae da selva “modificado” nos seus alicerces. Os Kowa ten moito de libro de aventuras, se cadra, mais como bo libro de aventuras é, quizais tamén, un libro sobre como unha experiencia extrema pode transformar as persoas. Era un pouco o obxectivo xeral do libro?
– XQ: Sempre que un fai unha longa viaxe, regresa “modificado” en maior ou menor grao. Ese é o suceso, por exemplo, do Camiño de Santiago, onde independentemente da espiritualidade de cadaquén ou da relixión que practique (ou non), un remata o camiño sentíndose diferente, pois cando na nosa vida pasamos varias semanas camiñando na compaña de descoñecidos, atravesando unha variedade de paisaxes que nin soñaramos que existían, sentindo os chuzos da neve ou os excesos da calor, durminos á la belle étolie ou compartimos unha fogueira de campamento con xentes de varias nacionalidades e culturas diferentes.
Se esa viaxe, como no caso de Os Kowa, fai que un se confronte a todas as dificultades fóra da zona de conforto -fóra do noso ecosistema-, entón é normal que non só o corpo como ente físico, senón tamén a psique reciba unha dose de estrés que xenere unha transformación. Mídese así a resiliencia -capacidade de soportar os cambios- dun organismo que, se como neste caso é un humano, implica tamén tensar a mente e, por tanto, arriscarse a un desequilibrio psicolóxico. (…)”