Héctor Cajaraville: “Unha cousa é pensar que o que ti fas ten calidade e outra é comprobar que outros o pensan tamén”

Entrevista a Héctor Cajaraville en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PdG): Agora chega ás librerías A caixiña dos rancores (Xerais, 2016). Como nace esta historia? ¿Que podemos agardar dela?
– Héctor Cajaraville (HC): A caixiña dos rancores é unha historia de amizade entre unha vella e dous mozos, un rapaz e unha rapaza que son parella. De modo casual as súas vidas crúzanse (Vidas cruzadas era o título orixinal da novela, que logo se cambiou pola abundancia de referencias con este mesmo nome, mesmo no ámbito literario), e o que nun principio é unha convivencia obrigada que non semella ter visos de callar acaba converténdose nunha fonda relación de afecto mutuo que ao meu modo de ver é a verdadeira esencia da novela. A maiores hai tamén unha historia de misterio que se vai desvelando aos poucos a medida que a trama avanza, e que trata sobre un dos casos de “nenos desaparecidos” tan frecuentes no noso país ata hai relativamente pouco, pero iso só é a desculpa para que os personaxes afonden nese vínculo tan especial e tan inesperado (ou tan especial por inesperado) que se establece entre eles.
– PdG: Acaba de recibir o premio Meiga Moira coa novela Denébola a Roxa. Como recibiu a noticia?
– HC: É o cuarto premio que recibo en algo máis dun ano, ademais de ser finalista no Merlín, un recoñecemento coa mesma ou maior repercusión ca outros galardóns. Tamén gañei ou recibín algunha mención noutros certames de relatos curtos. Alguén poderá pensar que un se acostuma a isto de que o chamen por teléfono e lle digan que recibiu outro premio, pero polo menos a min pásame o contrario: cada vez póñome máis nervioso ao recibir a noticia e paréceme máis incrible. Cando gañei o premio Xerais estaba máis ou menos á expectativa de que iso puidese suceder, pois era un dos finalistas, pero todos os que viñeron despois colléronme tan de sorpresa que nalgunha ocasión nin sequera fun capaz de reaccionar. Lembro especialmente cando me chamou a concelleira de Cultura de Lugo para dicirme que gañara o premio Ánxel Fole e eu quedei calado do outro lado da liña. Debeu pensar que o de escribir igual non se me daba mal, pero que para manter unha conversa non estaba moi capacitado. E este último, o Meiga Moira, igual, porque ademais era unha novela que mandara a outros certames e que non fora finalista nin merecera ningún outro tipo de recoñecemento, así que as miñas expectativas non eran moi elevadas. Por esa é outra: sábense os premios que gañas, pero non os moitos nos que non recibes mención de ningún tipo. Eu mesmo cheguei a participar en certames que se declararon desertos por “falta de calidade dos orixinais presentados”. Iso é o peor que che poden dicir como escritor, porque podes entender que outro orixinal sexa mellor ca o teu, pero que prefiran deixar o premio deserto… uff!! (…)
– PdG: Que é o que quere amosar Héctor Cajaraville ao seu público infantil?
– HC: O que quere todo o mundo que se dedica a escribir, supoño: ofrecer historias que divirtan e que dean pé á reflexión, e que no caso concreto da literatura infantil e xuvenil axuden a entender un mundo que nesas idades aínda se está conformando nas cabezas dos lectores. Se consigo algún deses obxectivos, xa me dou por satisfeito. E se consigo os tres, xa nin che conto. (…)”