Entrevista a Ramón Blanco na Palavra Comum (foto de Nieves Blanco):
“- Palavra Comum (P): Que é para ti a poesia?
– Ramón Blanco (RB): Hoxe é unha atadura invisíbel coa última adolescencia, cando a poesía era o centro de luz arredor do cal o meu eu daquela xiraba, batendo torpemente contra o cristal, como as avelaíñas do prólogo de Rafael Dieste.
Xa non leo tanta poesía, pero sigo pensando que, se é boa, ten unhas causas e uns efectos similares aos da filosofía.
Como autor, sérveme para canalizar as miñas obsesións a través da arte literaria. Sen deixar de sentirme impostor, é o xénero no que me movo con maior soltura.
– P: Como entendes -e levas a cabo, no teu caso- o processo de criação literária?
– RB: Escribo poesía regularmente desde os dezaseis anos, co cal levo vinte anos xuntando letras sen ter por finalidade nin o espazo escolar nin o laboral. En tanto tempo salvo moi pouco do que saíu da miña mente; cústame atoparlle valor literario. Son de ritmo lento e cada vez son máis os períodos totalmente improdutivos ou nos que só escribo algunha colaboración de encarga. Penso moito o que quero contar, a redacción non me leva tanto. O ritmo dámo unha lectura interna en voz alta, unha e outra vez. Pero cando releo o escrito, ao día seguinte, xa perdeu todo valor. Deixo que descanse uns días, unhas semanas, uns meses… Volvo lelo e, se aguanta, comezo a transcribilo na computadora. Aí dáse unha nova reelaboración. Varias correccións e reescrituras. Nunca deixo de corrixir, o cal vai en contra da publicación.
Os temas que máis trato talvez sexan a morte, a escritura, a noite, a loucura e outras realidades que eu asocio entre si, que me parece que teñen moito en común. Porque penso que escribir é un pouco como morrer, como estar ás escuras ou estar tolo.
En canto aos hábitos de escrita, válenme calquera hora e calquera lugar. Gústame esborranchar cadernos e servilletas nos bares, que moitas veces sobreviven até o poema publicado. No entanto, o sitio onde mellor traballo é no estudio da casa. Cando teño gana de escribir en serio érgome moi cedo, ás cinco ou seis da mañá e poño a mente a furrular. Teño o cerebro máis afectado pola cafeína ca pola poesía. (…)”