Entrevista a Fina Casalderrey en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Comezou a publicar tarde…
– Fina Casalderrey (FC): Si. Xa escribía, claro. Pero é que antes nin che ofrecían a posibilidade de publicar. A verdadeira eclosión foi a primeiros dos 90. Lembro cando lle deron a Paco Martín o primeiro Premio Nacional de Literatura Infantil. Foi un ruído necesario o daquel premio, porque fixo visible algo que naquel momento era invisible.
– LVG: Agora lese máis, lese menos… Preocúpalle?
– FC: Eu son das que penso que se le máis, pero non da mesma maneira. Están lendo nunha pantalliña a cotío. A lectura nunca foi unha afección de masas. É un gozo, si, pero un gozo que esixe un esforzo. Se antes non había nin libros na maioría das casas! Ler é un pracer, pero require esforzo. Esa é unha verdade que hai que dicir. O que si é certo é que agora temos máis libros, máis oportunidade de lelos, pero menos repouso para gozalos. (…)
– LVG: Quen é o maior contista que coñece?
– FC: Fole, por exemplo, ou Poe, aínda que pode que teña máis mérito o que non tomou alucinóxenos para escribir. (…)”