Entrevista a Laura Linares en La Voz de Galicia:
“A figura do mestre de inglés de moitos vilagarciáns volve o xoves 12 a actualidade na súa vila natal, Corcubión, coa presentación na Capela do Pilar (19.30 horas) do libro Verbas Atlánticas. Poesía inglesa, escocesa e irlandesa traducida por Plácido Castro. A tradutora Laura Linares Fernández (Vigo, 1987), que fixo un máster en Cork (Irlanda) sobre o traballo do escritor, editor, xornalista e galeguista, encargouse da edición deste volume publicado pola Fundación Plácido Castro recompilando os poemas e ocupándose da introdución. Canda ela hoxe estarán a presidenta da entidade, Susi Castro; o seu director, Xulio Ríos, e o concelleiro de Cultura de Corcubión, José A. Louro.
– La Voz de Galicia: ¿Cal foi o seu papel nesta obra?
– Laura Linares: Son a editora realmente porque os autores son os propios poetas irlandeses, ingleses e demais que crearon eses poemas, ademais o protagonista principal é o tradutor, Plácido Castro, un intelectual moi importante de primeiros e mediados do século XX. El fixo estas traducións e moitas outras para dignificar a lingua galega e promocionar a idea de que era unha lingua ben válida para a literatura, a poesía e todo o que quixéramos. O meu traballo foi compilar os poemas, porque moitos deles aínda non foran publicados nunca e recoller os que si apareceran en diferentes medios e facer un pequeno estudo de introdución para que a xente entenda un pouco de onde veñen eses poemas, de onde vén o galego de Plácido Castro e cales eran as súas intencións con estas traducións. (…)”