Marilar Aleixandre ingresa na RAG termando da paisaxe e da palabra

Desde a Real Academia Galega (foto da RAG):
“O respecto polo medio natural, a defensa da lingua e a ollada ao mundo coas lentes da xustiza social e do feminismo son constantes na vida e na obra de Marilar Aleixandre. E tamén son parte fundamental do ensaio co que ingresou hoxe oficialmente na Real Academia Galega, títulado Voces termando da paisaxe galega. A escritora, bióloga e catedrática de Didáctica de Ciencias Experimentais conciliou neste texto as ciencias e as letras para advertir que tanto a nosa paisaxe física como a inmaterial están ameazadas. Mais deixou espazo para a esperanza: é posible invertir a realidade e “termar da paisaxe”, en toda a amplitude polisémica dos dous termos.
Fina Casalderrey foi a encargada de darlle a resposta en nome da RAG á nova académica numeraria nunha cerimonia solemne que tivo lugar no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, onde ensina e investiga como profesora da Facultade de Ciencias da Educación. Ademais de congregar a representantes das distintas institucións da vida cultural, política e cívica do país, o acto, conducido polo presidente Xesús Alonso Montero, foi seguido por moitas outras persoas que quixeron participar nesta sesión pública da RAG.
Marilar Aleixandre ocupa desde o sábado 14 a cadeira que quedou vacante tras o pasamento de Xosé Neira Vilas. Na súa intervención non faltou unha homenaxe a quen sucede no posto, “unha honra e unha gran responsabilidade”, e comprometeuse a se esforzar arreo en continuar o labor do autor de Memorias dun neno labrego. A nova académica salientou a afouteza desta novela, que leu por primeira vez nada máis instalarse, en 1973, en Vigo, porque rachou coas historias bucólicas sobre a vida nas aldeas e deu voz aos máis desfavorecidos, aos “ninguén”. “Cómpre, benquerido Pepe, agradecerche que neste texto inaugural da literatura galega para nenos e nenas non falseases a realidade con azucre. Agasalláchesnos cunha chamada á rebeldía, a tomarmos partido contra o discurso da resignación e o medo. O discurso dos caladiños que mantén non haber nada que facer nin para defender a lingua galega, nin para defender os dereitos sociais, tan duramente conquistados”, expresou a autora nun discurso acabado de escribir o día do primeiro cabodano do académico, o 27 de novembro de 2016.
A alocución arrincou e concluíu escoitando as “voces silenciadas” a través da historia de Dolores Blanco, redeira e dirixente do sindicato La Reivindicadora, que sobreviviu a un paseo en agosto de 1936. Historias coma a súa pertencen á “paisaxe invisíbel que tamén forma parte do país”, esa “paisaxe soñada” por persoas coma ela que loitaron pola xustiza social, valorou rematando cunha chamada a “termar da memoria, termar dos nomes” e “exercer a resistencia”.
Marilar Aleixandre entra na Academia (con sede na que foi casa de Emilia Pardo Bazán) reivindicando tamén a pertenza “á estirpe das que Rosalía de Castro chamou as literatas”. “De Rosalía e de Emilia herdo o feminismo, a convicción de que as mulleres podemos acadar todo, unha idea expresada poeticamente no discurso de ingreso de Xohana Torres, Eu tamén navegar, e nos seus poemas”, declarou. Por iso advertiu que, malia sermos unha literatura que agroma dunha nai fundadora, “as institucións do noso país están demorando en recoñecer as mulleres hai tempo a exerceren como intelectuais”. (…)”