Entrevista de Montse Dopico a Rebeca Baceiredo en Praza:
“Intentar “entender a que responden os movementos zigzagueantes nas emancipacións das subalternas e por que consentimos ás veces determinados patróns de comportamento ou por que nos fai dano reproducilos e somos castigadas se non o facemos”. Este é o obxectivo ao que responde o novo libro da ensaísta Rebeca Baceiredo, Oiko-nomía do xénero. Relato das clausuras (Axóuxere), que afonda nalgunhas cuestións xa tratadas pola autora en Capitalismo e fascismo (Euseino), e das que tamén se ocupa no seu primeiro poemario, O canto da Sibila (Galaxia).
– Praza: O libro preséntase como unha revisión do “mito explicativo” do patriarcado como un feito natural a partir da análise do xénero como función subalterna. Cal é a orixe do libro? Cal é o seu obxectivo?
– Rebeca Baceiredo: Pretende revisar o mito explicativo patriarcal e liberal. As orixes do libros son sempre, para min, ‘encontros’, algunha experiencia que organizar. Nalgún momento tiven a necesidade de explicar a que respondían comportamentos que nun principio semellan naturalizados pero que cando se acentúan, cando aparece a súa estridencia, aparece a súa patoloxía, que é patoloxía social, é dicir, propios dunha sociedade patolóxica. Era unha cuestión persoal e unha cuestión política, se cabe a distinción, porque durante os anos da crise si observaba regresións sociais, cotiás, no tema de xénero: tiña a sensación de que a sociedade se facía aínda máis conservadora e retrógrada que cando eu crecín, a pesar de ter conciencia sempre das limitacións –e agresións– cotiás que me impuña o xénero feminino.
Porén, a medida que me achegaba ao tema, observaba ata que punto non só respondían a un patrón sociolóxico, senón que tiñan profundas raíces antropolóxicas, e o paradigma liberal que pretende, máis que explicar, canalizar e capitalizar o feminismo, non me ofrecía respostas. Ademais, precisamente durante ese proceso atopei na biblioteca o libro Familia e capital, do profesor Carlos Allones, que expón o proceso de sometemento das femias nos homínidos e o cambio de réxime que se daría no capitalismo. O obxectivo, por tanto, era intentar entender a que responden os movementos zigzagueantes nas emancipacións das subalternas e intentar entender por que consentimos ás veces determinados patróns de comportamento e por que reproducimos outros ou por que nos fai dano reproducilos e somos castigadas se non o facemos. (…)”