Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Daniel Asorey:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Son idealista, ao cabo, medrei nunha matria que se botou ao mar para soñar.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O compromiso coas abaixadas e cos abaixados.
3.– Que agarda das súas amizades?
– A estas alturas da vida, agarimo, comprensión e complicidade.
4.– A súa principal eiva?
– A desorde e a falta de organización.
5.– A súa ocupación favorita?
– Encántame viaxar, aprender das olladas doutros que, coma nós, comparten esta casa común.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Un mundo xusto e digno para todos os seres humanos.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A dor, a enfermidade e a morte son inmensas desgrazas. Vaia, dixen tres polo prezo de unha.
8.– Que lle gustaría ser?
– Encantaríame ser habitante dun mundo xusto.
9.– En que país desexaría vivir?
– En Galiza, amo esta terra e por iso manca tantas veces no corazón.
10.– A súa cor favorita?
– O vermello, sen dúbida.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A chorima, a flor do toxo. Unha flor humilde, miúda, salvaxe e brava, que é quen de medrar na vertixe e inzalo todo, mesmo os cumes máis altos e difíciles, eses que se protexen con laxes cortantes. Ata aló enriba chega. Precisamos máis chorimas para esta terra.
12.– O paxaro que prefire?
– O pardal. Por algo semellante ao anterior, pois é un paxaro proletario, de traxe común e chíos humildes. Nunca esquecerei o día que, sendo eu neno, lle dixen á miña avoa, Carme de Candingas, que habiamos pillar un e metelo nunha gaiola. Ela contestoume que o pardal precisa ser libre para vivir, pois, se se prende, degoira morrer. Dende aquela, tiven envexa dese paxaro sen cadeas.
13.– A súa devoción na prosa?
– Moitas e moitos. Iso é como escoller a irmá ou o irmán preferido… Mais gustaría de citar unha muller, Rachel de Queiroz, que denunciou a fame e a desigualdade do Nordeste Brasileiro no seu esmagador romance O quinze.
14.– E na poesía?
– Rosalía, polo escrito e pola valentía de facelo.
15.– Un libro?
– O Memorial do convento.
16.– Un heroe de ficción?
– Hai anos que o lin, pero moitas veces lembro do menino que aparece no fabuloso conto “O colchão da Mongólia”, do incrible escritor angolano Ondjaki. Un heroe, ese miúdo.
17.– Unha heroína?
– Non sei se se pode considerar ficción, mais penso na voz das mulleres anónimas do cancioneiro popular galego. Valentes, afoutas e libres. De non ser así, a voz radical e insubmisa da meniña gaiteira de Cantares Gallegos.
18.– A súa música favorita?
– Neste momento “A mulher do fim do mundo” de Elza Soares.
19.– Na pintura?
– Marc Chagall, un xenio que non deixou de soñar nunca coa súa patria, co amor e coa súa estirpe maltratada, e alén diso foi quen de pintar a música. Alguén dá máis?
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– As e os migrantes de calquera lugar e condición, que sempre arriscan as súas vidas por soñar mundos mellores.
21.– O seu nome favorito?
– Aldara. En Melide, na terra de miña nai, “ser unha dona Aldara” empregábase, ben certo que pexorativamente, para designar unha muller espelida e libre. Ao parecer, fai referencia a unha muller nobre que viviu alá polo século XIV, e agardo que fose todo iso. Así pois, hoxe “ser unha dona Aldara” debía ser un orgullo e un soño para todas e para todos.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A soberbia.
23.– O que máis odia?
– A desigualdade e a dor nas persoas.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Os conquistadores de calquera lugar, con rúas, prazas e estatuas no seu nome, en tanto que mortes, feridas e violacións nas súas costas.
25.– Un feito militar que admire?
– O 25 de abril, revolta sen (apenas) sangue para traer pan e liberdade.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A constancia.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen dor.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Pesimista. Aínda que a realidade adoita superarme para o malo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles que teñan que ver co amor e coa paixón.
30.– Un lema na súa vida?
– Mudar o mundo!”