Isaac Xubín: “No futuro só haberá dous sabores: doce e salgado”

Entrevista a Isaac Xubín en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): O deseño de Non hai outro camiño non responde ao habitual proxecto narrativo que se publica maioritariamente hoxe en galego. De onde xorde a idea desta obra?
– Isaac Xubín (IX): A miña primeira idea era escribir unha colección de relatos que nunha primeira fase do traballo tiñan moito de autobiográfico. Chegou un intre, perfilados a meirande parte dos personaxes principais, en que me decatei de que realmente estaba a traballar cunha novela. E supoño que é daquela primeira idea dos relatos do que xorde a estrutura da novela e que se mantivo porque me axudou a presentar nas páxinas iniciais da obra os protagonistas que habitan a cidade e as situacións que se producen.
– B: O auténtico protagonista da obra é a cidade de Staro Selo, un porto con evidente ar balcánico, do que incluso vostede deseñou a vista urbana que se pode ver na capa do libro. É un trasunto ou unha compilación de cidades?
– IX: O deseño da capa é fundamental, penso que é unha introdución coa que enceto o ‘estrañamento’ que tamén se produce mediante a onomástica empregada na novela.
En Staro Selo hai moitas cidades, moitos espazos que forman parte da miña historia vital. Por mor do traballo do meu pai, a nosa familia viuse na obriga de cambiar de residencia en numerosas ocasións (Espinosa, Astorga, Xixón…), unha forma de vida que despois eu tamén adoptei e que me leva agora a residir en Sheffield, unha cidade que me está a ensinar moitísimo. Quizais Staro Selo é unha amálgama de Vigo, Cork, Bilbao… (…)
– B: Está vostede de acordo en que esta novela forma parte desa tradición literaria? Como opera na súa creatividade literaria a tradición galega?
– IX: Síntome moi parte desa tradición literaria porque me acompañou durante unha época en que eu, parafraseando a Chao Rego, renacía galego. Pero tamén me sinto, de xeito humilde e aguerrido, como todos e todas as que decidimos en escribir en galego e só en galego, partícipe de toda a tradición galega… en Non hai outro camiño hai homenaxes evidentes a Blanco Amor, a Ánxel Fole e á literatura oral.
– B: Séntese partícipe dela (aínda que sexa en parte) ou busca os seus referentes fóra?
– IX: Quizais o feito de ter vivido tanto tempo fóra e estar en contacto directo durante longo tempo con realidades que non son a galega deume facilidade para acceder a materias, recursos e experiencias que me axudan no proceso creativo e a tomar conciencia de proporcións e perspectivas diferentes. Algo que por outra banda, na actualidade, non é tan difícil de adquirir cun computador e moitas ganas. Cando eu marchei ao País Vasco xa sabía algo de éuscaro grazas a un curso en liña da universidade de Deusto. (…)”