Sabela González: “Non teño interese en chegar ao Olimpo cultural, só en contar historias”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Sabela González en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): As crónicas de Landereina é unha saga de fantasía. Nas letras galegas actuais non hai case textos deste tipo, fronte á gran cantidade de produción en castelán ou inglés. Ten algunha idea de a que se pode deber esta carencia?
– Sabela González (SG): Calquera resposta que dea ao motivo desa carencia é pura elucubración. Se cadra, ás veces, no noso entorno, se entende a cultura dende un estraño elitismo de adultos que consideran a literatura fantástica como algo innecesario, algo para mentes menores. Penso que iso axudou á ausencia deste tipo de obras e sagas: os “verdadeiros” escritores fuxiron do entretemento polo entretemento e intentaron facer “grandes obras”, un símbolo cultural para o futuro, se cadra. Na produción en lingua inglesa atopo menos elitismo e bastante respecto polas obras de ficción xuvenís. E chámolles xuvenís por ser como as clasificamos, pero o seu público é moi amplo e non responde a un só grupo de idade. E así debe ser, penso eu. Con todo, creo que hai uns anos que podemos afirmar que as letras galegas están acollendo todo tipo de obras e tomando todo tipo de riscos. Hai novas voces lanzando fantasía, terror… Por fin hai produtos de entretemento demostrando que a súa calidade non depende da seriedade da súa temática.
– B: Por que lle interesou a vostede construír unha saga deste tipo?
– SG: Non teño interese ningún en chegar ao Olimpo cultural, só en contar as historias que o corpo me pide contar. E a min o corpo pídeme fantasía e mundos distintos, ficción e máis ficción. Supoño que bebo das lecturas que máis me marcaron e me tiraron. Con todo, o feito de ter creado unha saga, unha triloxía, é meramente circunstancial: pensei que a historia ocuparía de máis para unha primeira publicación dunha escritora novel e decidin dividila en tres. (…)