Alfredo Conde: “Son un escritor sen parroquia”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Alfredo Conde en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): No seu último libro, O beato, vostede novela a vida do beato Sebastián de Aparicio, un emprendedor galego no México contemporáneo a Hernán Cortés que é moi adorado aló e que se considera o patrón dos chichimecas xa que amais da súa vida piadosa, ao morrer cedeulles ás clarisas a súa fortuna. Que foi o que lle interesou deste personaxe?
– Alfredo Conde (AC): Varias cousas. Aparicio, que eu converto na miña novela en Xiao de Chaguazoso, é un dos poucos exemplos de galego que estivo nos primeiros momentos da conquista de América, non como soldado ou saqueador senón como comerciante e industrial. Aparicio tiña unha visión moi lóxica do mundo e cando se encontrou naquel vasto territorio soubo aplicar os coñecementos que aprendera durante a súa vida en Galicia para melloría da vida dos indios e da súa propia. El vía vacas e prados e entendía que alí había un negocio que podía prosperar. El vía que os indios non sabían tirarlle rendemento á roda e el apréndelles a aproveitala. No fondo, o beato non foi máis que unha especie de protoemigrante, un galego que ten que buscar a vida coma os centos de miles que o fixeron tres séculos máis tarde por todos os portos de América. (…)
– B: Nesa pesquisa literaria e histórica, cal foi a súa principal conclusión?
– AC: Que Galicia non era un país esfameado. Constrúe os pazos un país esfameado? Os mosteiros? As fachadas barrocas? Non digo que o capital non estivese mal repartido pero había riqueza. Na primeira metade do século XIX, a revolución industrial en Galicia non tiña nada que envexarlle á do resto de Europa. Durante moito tempo, a taxa de analfabetismo entre os varóns galegos (entre as mulleres é outro cantar, está claro) era a máis baixa de toda España. Aborrezo esa imaxe paternalista que se deu de Galicia. Poñamos por exemplo o caso Romasanta. O asasino era un home cunha cultura equivalente á dun cura de aldea. Un asasino en serie que sabía moi ben o que facía e que se valeu do mito do atraso de Galicia para se finxir un home lobo e enganar a raíña en Madrid ou o Dr. Phillips e así salvar o pelico a conta dunha idea atávica dunha Galicia salvaxe e sobrenatural. (…)
– B: Segue vostede a literatura galega actual?
– AC: Sigo. Non tanto como me gustaría porque non teño tanto tempo para ler coma noutros tempos pero si coñezo e admiro moitos autores.
– B: Por exemplo?
– AC: As novelas de Domingos Villar e Pedro Feixoo. Tamén me interesa moito a obra de Anxos Sumai e de Marica Campo e de Jaureguizar. Leo con agrado a Manuel Portas. Suso de Toro paréceme un autor espectacular. Esquézome doutros nomes e estou constantemente descubrindo textos novos.”