“O cuarto de María Canosa”

Artigo de María Canosa para A Sega:
“Non subín aínda as persianas. Intúo que fóra vai frío e tamén hai luz, mais eu mantéñome nesta sorte de burbulla illada, ás escuras, en silencio. É cedo. Pero hoxe quero escribir. Un texto. Este texto. Este pequeno texto. Por iso me erguín cando o frío nos pés ameazaba con agasallarme unha catarreira máis. Deixei a cativa na cama, na miña cama, tapada. Durmida nunha placidez admirable. Pasou unha mala noite, eu unha peor.
Non me mirei sequera no espello, vin directamente aquí, á mesa da sala, que habilitei como lugar de escrita esta tempada. Porque xa non teño ese lugar, o lugar, e, ás veces, tampouco teño escrita. Ou si. Non material, pero… as historias, as palabras andan sempre aboiando en min, no meu interior.
Eu fun, ou son, unha muller viaxeira, nai, pluriempregada, parada de longa duración, traballadora por conta propia e allea. Ao longo da vida pasei por diferentes etapas, diferentes lugares, diferentes espazos. O único que permaneceu foi a teima de observar, cazar historias, inventalas, soñalas… Podo imaxinarlle unha vida a calquera persoa que cruce pola rúa e esa é a miña escrita, construír ese mundo especial e excepcional para esa persoa que se volveu personaxe. Claro que, ás veces, non chega a materializarse nunha presada de letras escritas. Porque… Onde escribo? Cando? Como?
Escribo en cadernos, tamén no ordenador. Prefiro, sen dúbida, a escrita a man. Pero… por que? Quizais porque os podo levar no bolso, no coche, no peto do abrigo… e, se saco cinco minutos, é sinxelo facer anotacións nunha cafetaría, no banco do parque, apoiada no cadro de mando do coche. Ás veces séntome a esta mesa, tamén na que teño arriba, no meu cuarto propio, onde o frío de inverno non me axuda a estar, ou na grande que hai abaixo… Teño un cuarto de meu aquí, na casa paterna, onde vivo agora. Mais no que é a nosa casa, vai ser complicado atopar espazo. Cando vivimos en Ourense, non o tiña, e mais escribín igualmente.
Ás veces pregúntome por que esa teima de seguir dándolle ao lapis. Escribir é unha opción moi solitaria. Non o feito da escrita en si, que tamén, eu refírome á soidade da profesión. Para comezar, porque moi poucos o entenden como tal. Escribir, desde fóra, parece unha distracción, un divertimento. Desde o meu interior, un acto de fe, de compromiso, de amor. (…)”