Desde A Sega:
“Querida Virginia,
Este é o lugar onde me sento a escribir desde hai pouco tempo, antes fíxeno noutra mesa e noutra casa. A diferencia doutros espazos que tiven, este é un lugar creado para escribir, e iso quere dicir que non invadín, como outras veces, lugares que se axeitasen ao traballo literario, senón que fixen nacer un espazo cálido onde escribir historias. A finais de xaneiro púxenlle grilandas de luz e para cando chegou febreiro comezou a parecerme ben que o meu fillo fixese trazos de cor sobre a madeira da mesa. Crear un lugar para min non significa que non permita que outros seres o visiten de vez en cando.
Teño un fillo que vai facer dous anos e escribo estas liñas sentada nunha cadeira onde colga o seu abrigo verde e unha bufanda gris que trouxen de París hai algúns anos. O que quero dicir con isto, supoño, é que os dous temos o mesmo dereito a conquistar os espazos e os tempos da casa coas nosas prendas de amor e de abrigo, e que até o de agora conviven sen estorbarse os meus libros e cadernos con animais de peluche, comidiñas de xoguete e pezas de puzzle perdidas. Isto non é sempre doado: o libro coa poesía completa de Anne Sexton ten nunha esquina as marcas dos primeiros dentes do meu fillo, que non é quen de discriminar sempre cales son os obxectos que non cómpre levar á boca.
Coido que ata agora sempre tiven un cuarto propio para escribir, ou cando menos no que poder pecharme do mundo exterior para abrir outro inventado, pero case nunca estiven cómoda en ningún deles, e por iso preferín a escrita sen paredes: corrixín compulsivamente unha novela en distintas terrazas no verán de 2013, espallei poemas pola alfombra da sala de estar, pechei capítulos na cama baixo o edredón e mesmo traballei nun poemario durante meses no corredor da casa. (…)”