María Alonso: “A emigración é unha revolta en si, e a persoa emigrante, un suxeito político”

Entrevista de Montse Dopico a María Alonso en Praza:
“(…) – Praza (P): As persoas transmigrantes sodes, aseguras no inicio do libro [Transmigrantes. Fillas da precariedade], un colectivo “silenciado”. En que sentido?
– María Alonso (MA): Hai unha importante presenza nos medios de comunicación de historias de éxito de galegas e galegos no estranxeiro, mesmo a través de programas de televisión que idealizan dun xeito case obsceno este fenómeno. A emigración do final feliz si está documentada, mais hai outra que non o está. Con esta versión edulcorada da nova emigración galega parécese querer suxerir que a xente emigra porque quere, non porque non ten outra opción, e que o éxito está a esperar por nós no estranxeiro. Pero hai unha cara B que non se ve reflectida en moitas ocasións: as historias de fracaso daquelas persoas que aspiraban a ter unha vida mellor e que atopan no estranxeiro a mesma precariedade que pensaron que estaban deixando atrás.
Para min a transmigración é equivalente a precariedade, e desta precariedade poucas veces se fala. A cara menos amable da nova realidade migratoria, que é a migración das que teñen que firmar tres contratos zero-hour como limpadoras para poder chegar a fin de mes e, como iso non abonda, deciden probar sorte nalgún outro país e buscan outros tantos minijobs para tirar para adiante, e finalmente, mesmo pode que decidan deixalo e regresar á casa. A necesidade de recoller esta cara B foi o motivo que me levou a escribir o libro. En realidade, o que fago é intentar comprender o mundo que me rodea, mais tamén o concibo como contradiscurso a esta visión idealizada da nova emigración galega.
– P: En que se diferencia o actual do emigrante galego da xeración dos nosos pais e dos nosos avós?
– MA: Os condicionantes históricos son obviamente diferentes. Ademais, agora todas e todos temos un coñecemento moito máis global do mundo, o que facilita a toma da decisión de emigrar. Os medios de transporte tamén melloraron as condicións nas que unha viaxa, mesmo as novas tecnoloxías permítennos estar ‘aquí’ e ‘alí’ á vez e axudan a paliar a saudade. Estas diferenzas son indiscutíbeis, pero tamén hai unha serie de paralelismos.
A nova emigración galega, coma a do século pasado, caracterízase pola alta cualificación das e dos emigrados. A xeración das nosas nais e avoas pode que non tivesen títulos académicos, ou doutoramentos, pero os datos e estatísticas indican que tiñan un nivel de profesionalización moito maior do que eu pensaba, o que axudou a que se integrasen no tecido laboral dos países de acollida. É preciso afastarse do tópico da e do emigrante galego analfabeto do século pasado que tanto complexo de inferioridade ten creado.
En Terra de adeuses, que é o segundo capítulo do libro, ofrezo unha contextualización histórica á nova diáspora galega tendo en conta os movementos do pasado. Falo dos factores pull e push que motivan a toma de decisión de emigrar, e trato a segunda década dos noventa, caracterizada polo boom inmobiliario e que favoreceu a chegada de inmigrantes a Galiza, convertendo ao país no que define como un diaspora space.
No caso galego, este espazo de diáspora viuse condicionado non soamente pola chegada de comunidades latinoamericanas, africanas e de Europa do leste, entre outras, senón tamén pola presenza de retornados e retornadas, é dicir galegas e galegos de primeira ou segunda xeración no estranxeiro que aproveitaron aquela época de conxuntura económica para regresar ao país. A nova emigración galega afecta a todos estes colectivos, tanto ás galegas e galegos que nacemos en Galiza, como á xente que chegou durante os anos de bonanza económica, como ás retornadas e retornados que agora están a facer novamente as maletas. (…)”