Contos de fadas, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira na Sega:
“É posible que na súa concepción inicial, o conto oral contase con dous niveis de comprensión diferentes por mor da mestura de públicos á hora de narrar. Dicía Bruno Bettelheim na súa Psicanálise dos contos de fadas que sentaban a escoitar ao mesmo tempo crianzas e maiores e os contos eran os mesmos para unhas e para outras; a mesma boca ensinaba e deleitaba, adoutriñaba e facía rir. Por iso nenas e adultas non comprendimos do mesmo xeito o concepto de fada, de princesa ou de bruxa, polo menos antes e despois da pubertade. Por iso non cremos a estas alturas –nin deberiamos de facelo a outras– naquilo de comeron perdices, a felicidade e demais. Ás nenas amosóuselles o camiño a seguir; ás adultas a consecuencia.
Desde Perrault, os Grimm ou Andersen, os contos de fadas de tradición oral europeos quedaron fixados na escrita e, polo tanto, os seus estereotipos xa atoparon un corpus co que argumentar o que se pretendía de nenos e de nenas. Logo veu Walt Disney e multiplicou esta desfeita. E as nenas quixeron ser princesas, fadas, as perdices e todo o pack.
Non foi até mediados do século vinte que se propuxeron outras lecturas dos contos populares, como a de Tanith Lee para a Branca de Neve, os poemas de Anne Sexton para o seu marabilloso poemario Transformations ou o Story Hour de Sara Henderson Hay, onde as autoras tratan de desmitificar a subordinación imposta ás nenas e esa busca do príncipe azul na que han basear toda a súa vida. E despois, a seguir agardando cíclicamente ensinar o mesmo que aprenderon á súa descendencia.
Angela Carter (Sussex, 1940-Londres, 1992) xa propuxera na súa Bloody Chamber (traducida como La cámara sangrienta por Minotauro) unha revisión feminina e feminista dos contos clásicos, desde a Carapuchiña, Barbazul, O gato con botas ou a Bela e a besta, onde as voces femininas teñen son propio, rebotante, importancia e solidez e os personaxes masculinos son subsidiarios. Unha lectura recomendabilísima pero na que non nos queremos deter se non é como banzo para chegar á entrega póstuma dos Contos de fadas de Angela Carter (Impedimenta, 2016), unha colección de contos de tradición oral na que a autora investiu gran parte da súa curta vida. (…)”