“O mérito do traballo, o valor da historia”, artigo de Pilar García Negro

Artigo de Pilar García Negro en Sermos Galiza:
“O sábado 25 de marzo foi o 27 cabodano de Carvalho Calero. Para comemoralo resgatamos un artigo publicado no número 139 de Sermos Galiza (no caderno de análise A Fondo) pola escritora e profesora da UDC Pilar García Negro.
Xa vai para catro anos (1 de Xuño de 2011), publicaba un artigo no extinto Xornal de Galicia (desaparecido por orde da superioridade), que dei en titular “Un verso infeliz”. Nel, facía referencia a un volume, algo desfarrumallado, do libro Vieiros, de Ricardo Carvalho Calero, publicado en 1931. Este exemplar -que posuímos grazas á xenerosidade de Margarida Carballo Ramos- é o que o autor dedicou a Rodrigo Sanz. Este político agrarista e rexionalista moderado, que fundara o Ateneo ferrolano onde un mozo Carvalho proferira unha conferencia, leu, polo que demostran as súas anotacións, moi atentamente este volume poético daquel escritor novel de 21 anos. Cualifica, en xeral, positivamente os seus poemas, mais hai un apontamento que chama particularmente a atención. É o que reza: “Buena. Otro verso infeliz por corto”. Este verso defectuoso di así: “n-un rexurdir grorioso da Galiza”. Todo o poema está escrito en versos de catorce sílabas e finaliza con este, de once. Tal e como o lemos, este final non se debe á impericia do autor, mesmamente moi sabedor da preceptiva e da retórica poética, senón á vontade de marcar un presente aberto a expectativas melloradas, un futuro de rehabilitación para a nación, desexada na mención previa da praza da Quintana, onde tiñan lugar os mítins das arengas, por exemplo, como preludio e celebración do Día da Patria Galega.
Un verso infeliz. Tal foi o decreto que se cerneu sobre Carvalho cando decidiu ser un verso libre e, na derradeira década da súa vida, reatar a súa biografía con aqueles anos da mocidade republicana e nacionalista, abruptamente interruptos pola guerra civil española e a barbarie nela desatada e alongada durante toda a duración do rexime ditatorial. Sempre se reclamou dun único partido, o Partido Galeguista de antes da guerra, e sempre se manifestou leal ao seu ideario e á súa práctica. Nunca admitiu ser considerado un heterodoxo ou un disidente, xustamente por se considerar fiel a aquela ortodoxia. (…)”