Desde A Sega:
“Ata que punto é fatigoso non poder escoller a familia, a clase social, o fogar.
Nos últimos tempos eses conceptos adquiriron unha relevancia case obsesiva, quéroos recrear ou transformar: o cuarto que escollo para escribir e durmir e facer o amor, as persoas coas que me coido, os lugares que non afogan.
En menos dun ano mudeime catro veces. En tan pouco fixen a traxectoria, nunha cidade mínima, dunha nómade desterrada -ou iso era o que cría querer- saltando de casa en casa, fuxindo dunha cousa que non alcanzaba a vista. Nesta breve marxe de tempo, todo intenso e fugaz. Parece que pasou toda unha vida. Para min foi toda unha vida. Achegueime a ideas que anteriormente só foran palabras ou puños, as que dan vertixe: independencia, liberdade, traballo. Porque quixen facer do meu corpo o que quero facer do meu país, do meu xénero; porque tiña que comezar dende min pra que o demais tivese sentido. Mais sabémolo, pola liberdade, ao igual que polo coñecemento, págase un prezo. (…)
Mais tamén hai cousas moi boas en todo este percorrido. Coñecín criaturas extraordinarias, como dixen, e iso conformará para sempre o meu xeito de escribir…e coñecín tamén o que significa a verdadeira axuda ou a resistencia. Percibo as cousas doutra maneira, e malia non ter cartos ou tempo sei contar as cousas mellor do que facía, sei ver espazos íntimos en cousas que se moven, coma todas as belezas.
E aínda con todo, os azos seguen estando.
Será esta herdanza da muller escritora, e bailarina, e actriz, e música, e obreira, e a que sexa: canto máis nos neguen, tanto máis perseguiremos.”