Paseos pola Pontevedra literaria. Primavera 2017, Fina Casalderrey, o sábado 1

Os Paseos pola Pontevedra literaria. Primavera 2017, que terán lugar do 1 de abril ao 29 de abril, son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.

50 prazas por paseo.

A inscrición previa, obrigatoria e gratuíta, debe facerse a partir do 28 de marzo en pontevedraliteraria@gmail.com, indicando:

  1. Paseo literario no que se quere inscribir
  2. Nome completo
  3. Enderezo electrónico
  4. Teléfono de contacto

A asignación das prazas farase por estrita orde de recepción das solicitudes.
Todos os paseos con partida ás 11:30 h.

Sábado 1 de abril
Pontevedra, onde o silencio é sonoro, con Fina Casalderrey. (Con subida ao campanario de Santa María -1€ de donativo-)
De certo, para percorrer Pontevedra, coma calquera das cidades con importante patrimonio histórico-arquitectónico, non precisamos nin de palabras. Abonda con levar os ollos abertos e ‘escoitar’ as pegadas na pedra, nas fontes, nos vestixios da vella muralla, nas estatuas dos persoeiros (Valle-Inclán, Castelao, Bóveda, Manuel Quiroga, Teucro, a serea Leucoíña…), nas casas brasonadas…; pegadas que nos falan se as invocamos.
Percorreremos o casco histórico, desde a Basílica de Santa María a Maior (a Grande), onde se comezará por subir ao campanario e imaxinar as orixes da cidade (a subida ao campanario custa 1 euro), e contemplar o primeiro, e no seu día tan próspero, barrio da Moureira, xa só imaxinado; para rematar na Praza da Peregrina.
De camiño, nas pontes, nas pegadas dos vellos faladoiros, nas rúas, nas vellas imprentas, nos restos da antiga muralla, nos monumentos, nos edificios emblemáticos, nas pedras (que tamén teñen alma), nas prazas, nas fontes, nos escudos, nas árbores, nas estátuas…, agardamos que vaian agromando as lendas, as pegadas dalgúns dos nosos personaxes sobranceiros, que nos contarán algunhas cousas que, inevitablemente, se mesturarán con algunhas lembranzas propias.