Na Casa das Letras de A Estrada, desde o 18 de marzo ata o 17 de xuño (os sábados, de 17:00 a 19:00 horas), está tendo lugar un curso de escritura creativa, impartido por Manuel Portas (narrativa) e Neves Soutelo (creación poética).
Por iniciativa do colectivo A estrada das letras e co amparo do Concello da Estrada, o obradoiro Tecer versos e grilandas está orientado a público adulto e prográmase en 12 sesións (6 de creación poética, 6 de narrativa), de 2 horas de duración cada unha, nas que se traballará de forma amena e dinámica con diferentes chaves e ferramentas da creación literaria, coa axuda de exemplos e materiais propostos e contando sempre coa supervisión, indicacións e consellos dos responsables da actividade, escritores de recoñecida traxectoria no eido literario galego.
O obxectivo central desta actividade é achegar sen prexuízos a cada participante á súa propia voz literaria, mellorar a capacidade comunicativa dos participantes e estimular a súa creatividade e imaxinación a través da palabra escrita.
Para calquera consulta, as persoas interesadas poden escribir ao correo versosegrilandas@gmail.com.
Igualmente, e por segundo ano consecutivo, proseguen a súa actividade os CLUBS DE LECTURA “Lendo cos 5 Sentidos”, que este ano contan cos grupos de Primeiros Lectores, Infantil, Xuvenil e Adulto. O contacto, para máis información sobre os clubs, pode facerse a través do email lendo.aestrada@gmail.com.