Ramón Nicolás: “Este traballo deberíase poder facer sen voluntarismos de carácter persoal”

Entrevista de R. Castro a Ramón Nicolás en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): – Vés de anunciar o peche do Taboleiro do Libro Galego, unha ferramenta ben útil e non hai moitas cando se refire a produtos culturais galegos. Tampouco hai listaxe dos discos galegos máis vendidos, por exemplo. A estas cousas non se lle dá importancia até que faltan.
– Ramón Nicolás (RN): Eu con este proxecto empecei hai cinco anos porque detectaba que non había listaxes que puidesen servir de orientación sobre os libros que máis se venden. Aí había unha eiva. Eu só recordo as listaxes de A Nosa Terra, e xa hai anos daquela. E para min como lector gustábame saber por onde ían as tendencias do público. E algún tempo despois de comezar o blog decidín botar a andar este proxecto dentro del. Creo que cumpriu unha etapa e estou moi satisfeito do traballo feito, no sentido de que sei que era unha páxina moi consultada. O que ocorre é que chegado a determinado momento, decidín que cumpriu un ciclo e que debía de pechalo, tamén por cuestións de carácter persoal. Implica investir moito tempo, a pesar de que as librarías colaboradoras son moitas e colaboraron xenerosamente, chega un momento no que hai que deixalo, e agardar que haxa outras iniciativas que veñan cubrir o baleiro. E hai unha Lei do Libro Galego aprobada hai dez anos que na realidade nunca entrou en vigor e en cuestións relativas á promoción dos libros, debíase botar a andar. Este traballo deberíase poder facer sen voluntarismos de carácter persoal. (…)
– SG: O Caderno da Crítica continúa, non?
– RN: Si, si, houbo un malentendido na rede, pero si, segue aberto e seguirei traballando nel en temas de literatura galega. Só pecha o Taboleiro, que era o máis seguido do blog, sen dúbida. Son consciente diso. (…)
– SG: Nestes cinco anos de Taboleiro, como dirías que evolucionaron as tendencias na literatura galega?
– RN: Esa é a pregunta do millón. Nunca reparei nunha análise dos resultados do taboleiro ao comezo e ao final. Tal vez o dato máis relevante é que por vez primeira neste que se despide a maior parte dos lugares iniciais nas vendas en todos os xéneros sexa o obtido por autoras. É unha percepción moi superficial, habería que analizar con vagar os resultados para ver as preferencias do público en xeral. Eu o que si vin observando é a cuestión do teatro. Un dos xéneros é teatro-ensaio, entre outras cousas, porque o teatro era o xénero que menos aceptación tiña no público. E realmente é unha mágoa. E un sistema literario sen que haxa un teatro escrito que se consuma está eivado. (…)”