Carlos Callón: “O mérito do galego é estar aínda vivo”

Desde Sermos Galiza:
“O escritor Carlos Callón apresentou esta segunda feira o seu novo libro, Galegocalantes e galegofalantes (Xerais), na libraría Couceiro de Santiago de Compostela. Manuel Bragado, editor da obra, estivo presente no acto ao que tamén acudiu a prensa.
Nun momento no que as estatísticas revelan que o número de galegofalantes é cada vez menor, Callón realiza, en palabras de Bragado, unha crónica do acontecido no panorama lingüístico na Galiza entre os anos 2009 e 2016. Galegocalantes e galegofalantes acusa as administracións de frear o noso idioma realizando ao mesmo tempo “un chamado ás autoridades, pero tamén ao conxunto da sociedade”.
Carlos Callón resalta que cos datos actuais “o mérito [de o galego] é estar vivo” e anima as persoas galegofalantes a defender a nosa lingua ao tempo que convida as non falantes a se uniren a esta loita. Aínda así, o autor móstrase esperanzado. “Esta obra”, afirma Callón, “pretende activar o debate social sobre a lingua galega dende unha perspectiva optimista”.
A cuberta do libro, unha imaxe de Xan Muras, é tamén un reflexo desta mensaxe. Unha fotografía dunha manifestación pola lingua en Santiago que, en palabras de Callón, poderíamos titular como “o trunfo da esperanza”.
Este libro constitúe a última parte da triloxía ensaística que comezou Callón con En castellano no hay problema e Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. Outra obra salientábel do autor é Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez.
Galegocalantes e galegofalantes apresentarase o próximo 2 de maio de novo en Santiago de Compostela e o 10 do mesmo mes na Coruña.”