A Fundación Rosalía e Martín Veiga, premios Pedrón de Ouro e de Honra 2017

Desde Sermos Galiza:
“O Padroado da Fundación do Pedrón de Ouro vén de anunciar que concede o Pedrón de Ouro 2017 á Fundación Rosalía de Castro, e o Pedrón de Honra ao director do Centro Irlandés de Estudos Galegos da Universidade de Cork, o poeta Martín Veiga.
O Padroado da Fundación do Pedrón de Ouro acordou estes gañadores nunha xuntanza celebrada o 1 de abril na Biblioteca Pública de Arzúa. O acto de entrega terá lugar o próximo 21 de maio nun acto literario no que actuarán de mantedores os escritores Pilar García Negro e Isaac Xubín, que se celebrará na Casa Museo Rosalía de Castro, en Padrón, ás 12:30 horas. Actuarán o grupo de música tradicional galega Os Melidaos e a cantautora Najla Shami.
O Pedrón de Ouro trata de sobrancear aquela personalidade ou entidade viva, residente en Galiza, que máis se teña destacado na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional ao longo do ano ou na traxectoria dunha vida. Nesta ocasión a entidade recoñecida é a Fundación Rosalía, que “historicamente foi un refuxio da actividade cultural galeguista” e que “recentemente” vén de levar a cabo “importantes obras de reacondicionamento do interior e de profunda modernización museográfica” da Casa-Museo.
Co Pedrón de Honra, a Fundación pretende distinguir a “personalidade ou entidade viva, galega ou non, residente fóra da Terra que máis se destacase coas súas achegas ao engrandecemento da Nación e a súa Cultura”. Desta volta galardóase a Martín Veiga (Noia, 1970), poeta e profesor titular da Universidade de Cork, onde tamén dirixe o Centro Irlandés de Estudos Galegos, que se convertiu, segundo a Fundación, “nun dos foros máis dinámicos en canto ao desenvolvemento de actividades de ensino, promoción e investigación arredor da lingua e a cultura galegas no exterior”. Alén disto, subliñan, Veiga co-dirixe a prestixiosa revista académica ‘Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies’ e coordina o panel dedicado aos Estudos Galegos no congreso anual da Asociación de Hispanistas de Gran Bretaña e Irlanda, a cuxo comité executivo tamén pertence en calidade de representante das universidades irlandesas. (…)”