Entrevista de Miguel Pardo a Carlos Callón en Praza:
“(…) – Praza (P): Reclama reavivar o debate social sobre o galego. Arrefriouse?
– Carlos Callón (CC): Xa no comezo do mandato de Núñez Feijóo advertiamos que, logo da política agresiva, a Xunta pasaría a unha política de consolidación dos retrocesos, unha especie de pax lingüística coa que se pretende manter as prácticas lesivas, con mormativas sen parangón no Estado ou en Europa, e ao mesmo tempo neutralizar a contestación social. Por iso, ante isto, é moi importante que todas aquelas persoas que sintan paixón polo galego participemos nas diferentes iniciativas que se realizan para reivindicalo e impulsalo. (…)
– P: No libro [Galegocalantes e galegofalantes] fala mesmo de certas expresións nos medios moi polémicas.
– CC: Poño exemplos de titulares nos que se especifica e detalla que dous ladróns que actuaron en Galicia “hablaban gallego”. Fago un chamamento a que os medios non publiquen este tipo de frases, que se autorregulen, pero tamén debe acelo a fonte. A policía continúa a enviar comunicados con estas expresións, fomentando visións galegófobas e iso non é tolerable.
– P: O Consello de Europa critica con dureza a política lingüística da Xunta, os datos amosan un descenso no uso do galego… Hai algunha solución de non mudar os gobernos da Xunta e do Estado?
– CC: Non hai dúbidas de que é algo clave; o Goberno central e o galego son instituciós fundamentais que non empregan nin fomentan o galego como idioma oficial e ese é o principal problema que temos. Pero tamén é certo que podemos manter o facho da esperanza a través do uso. Non hai maior defensa da nosa lingua que usala. Se fosemos mirar a nivel matemático as posibilidades de uso, o mérito do galego é que aínda estea vivo. Non se estrean filmes en galego, non queda un só xornal en papel diario en galego, na USC hai carreiras onde o idioma só se usa nun 3% das aulas… E así e todo, segue vivo. Pero tamén quero subliñar a responsabilidade daquelas administracións onde non goberna o PP e non se fai o suficiente. (…)”