A cultura de base do país homenaxea Francisco Rodríguez como unha “figura imprescindíbel”

Desde Sermos Galiza:
“Hai un Francisco Rodríguez profesor mozo que se rebela contra a ditadura fascista non en nome dunha abstracción cosmopolita, senón dun país concreto, unha nación negada, unha nación anónima na súa infancia de Serantes. “Eu de cativo non ouvía pronunciar o nome do meu país”, evocou na emocionada intervención coa que fechou o acto. Hai un Francisco Rodríguez activista que aterra en Ourense a principios dos 70 do pasado século coa firme determinación de falar galego en toda a parte, custar o que custar, e que contribúe para revitalizar o asociacionismo cultural, a comezar pola Auriense da cidade das Burgas. Hai un Francisco Rodríguez que imparte maxisterio ás súas alumnas e aos seus alumnos, aos que non só lles transmite coñecimentos, senón tamén paixón por unha materia concreta chamada Galiza. Hai un Francisco Rodríguez investigador que resgata da deturpación e da mistificación os clásicos da literatura galega, Curros, Pondal e nomeadamente Rosalía, un dos motores da súa vida (non por acaso é del a primeira tese de doutoramento sobre a autora fundacional da literatura nacional galega). Hai un Francisco Rodríguez político que se nega a aceitar a negación do país e que dedica todos os seus desvelos á construción dun movimento nacionalista galego con capacidade para disputarlle espazos políticos ás organizacións de obediencia estatal.
Todos eses Francisco Rodríguez apareceron no acto de entrega do premio da Fundación Galiza Cultura, un xantar fraternal con máis de trescentos comensais, todas elas persoas con múltiples historias de Francisco Rodríguez que contar, todas elas unidas por un nexo común, o coñecimento dalgún aspecto da biografía do homenaxado e o compromiso pola conquista dunha Galiza distinta, dona de si, non satélite, senón planeta. (…)”