Emma Pedreira: “Prefiro o contacto co mundo a través da arte porque así o mundo fai menos dano”

Entrevista a Emma Pedreira en Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que é para ti a literatura?
– Emma Pedreira (EP): É a miña zona de conforto, un refuxio, un lugar onde habitar as posibles vidas paralelas polas que unha persoa pode preguntarse en determinados momentos. Tamén é un lugar de preguntas e de respostas, de interpelación, autoexploración e experimentación, de aprendizaxe. Unha escola non regulamentar subsidiaria. E un buraco negro que, ás veces, ameaza con tragarme.
– P: Como entendes -e levas a cabo, no teu caso- o processo de criação literária?
– EP: Agora mesmo existe nas redes sociais un debate –un pouco descomedido e invasivo, mesmo aleccionador, para o meu gosto– sobre se a literatura galega está pouco amasada ou se hai unha tendencia a non reescribir. No meu caso é así. A miña escrita, díxeno varias veces e non sinto vergoña en volvelo dicir, é case automática, sobre todo no caso da poesía. Eu escoito os poemas, a súa musicalidade, as palabras exactas dentro da miña cabeza e, en canto saen, todo vai encaixando dunha maneira moi natural, non os volvo tocar máis se sinto que funcionan. Se un texto non cumpre o mínimo para satisfacerme, abórtoo, xa non chega a nacer, queda no cuarto escuro da cabeza. Algo semellante ocorre cos relatos e microrrelatos nos que veño traballando ultimamente. Levan horas de traballo ás escuras e en silencio mais sen escribir unha soa palabra. Cando abrollan é para ficar. E, sen falar da corrección de grallas e pequenas puntualizacións, non adoito reescribir, corro sen mirar atrás, pero non ás toas, senón firmemente convencida do trazado e da ruta, todo abordado moi polo miúdo antes de saír da casa. Hai, coma min, moitísimas autoras que se definen a través desta escrita automática, mesmo esquizofrénica, e que confesaron escoitar as voces que lles ditan os seus textos. Cada proceso literario é propio, persoal e intransferible e mesmo pode variar dunha obra á seguinte.
– P: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (fotografia, música, artes plásticas, etc.)? Como é a tua experiência nestes âmbitos?
– EP: Non entendo a literatura sen a sinestesia e, para iso, hai que ter os poros abertos a outras sensacións. Adoro a mestura, o interdisciplinar, a fusión das artes, a camaradaxe que cada vez máis está a darse a nivel literario. Escribo no silencio e na música, pero visualizo todo o que fago. Gústame fotografar e convertir en imaxe parte dos meus versos e, no meu último traballo poético, O FOTÓGRAFO, mesturo poemas, fotografía e collage. Á hora de recitar tamén estou engadindo elementos musicais e a experimentación coa imaxe. (…)”