Amadeo Cobas: “Hai que acompañar a calidade literaria coa busca de lectores”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Amadeo Cobas en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Co’A cacería, vostede gañou o Premio Cidade Centenaria de Ribeira. Que foi primeiro, o libro ou a convocatoria?
– Amadeo Cobas (AC): Non. Eu tiña o libro escrito e andaba nesa fase de dárllelo a ler ás miñas amizades. E foi a miña grande amiga, tamén escritora, Clara do Roxo, quen me falou deste certame. Xa te podes figurar como é presentarte a un premio. Ti deixas alí o orixinal, esperas, case que te esqueces da historia e de repente un día chámante e dinche que es o gañador. Para min foi unha grande alegría porque me permitiu publicar con Xerais, unha editorial coa que levaba tempo querendo traballar. Eu fun editor e sei do importante que é, como autor, estar no catálogo dunha das grandes.
– B: Como xorde esa historia prehistórica que se conta n’A cacería?
– AC: Xorde no Pireneu. Cando vivín en Aragón, ir á montaña pirenaica foi o meu xeito de aproximarme a Galicia. Aragón é un lugar máis ben árido, moi influído polo deserto dos Monegros. Así que o verde haino que ir procurar ás serras. Alí encontrei unha paisaxe que, por unha banda, me recordaba ao da miña terra e tamén descubrín unha afección que me acompaña até hoxe: camiñar. E nesa experiencia foi aparecendo esta historia, na que a montaña está moi presente. (…)
– B: Cal é a súa rutina creativa?
– AC: Depende do momento no que a obra estea. No primeiro momento vou construíndo o relato na miña cabeza. Doulle forma dun xeito primeiro desordenado, que se vai sistematizando pouco e pouco. Aproveito moito as camiñadas para ordenar ideas. Moitas veces vou polo medio do monte e teño que parar para anotar unha cousa. Incluso houbo veces de suspender unha excursión porque tiña que voltar á casa con urxencia e escribir.
Cando a obra xa está máis ou menos documentada e xa teño unha idea do que quero facer, escribo, a man, o primeiro texto, case toda a primeira escritura fágoa así, nun caderno e lonxe dunha mesa. Só cando está case todo rematado, paso o manuscrito ao ordenador.
– B: É vostede un escritor que estrutura o traballo ou vai creando a dinámica da obra conforme a vai escribindo?
– AC: Eu antes de poñerme a escribir unha liña sei como empeza, como acaba, cantas páxinas (máis ou menos) vai ter, que van facer os personaxes… Necesito ter todo controlado. Por unha sinxela razón: non quero sentir nunca a síndrome da folla en branco, notar que non sei cara a onde vou. (…)”