Marta Dacosta: “A cultura galega está amordazada”

Entrevista a Marta Dacosta en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como avalías o estado actual da cultura galega?
– Marta Dacosta (MD): Amordazada. Como a lingua. Impedida de mostrarse en todo o seu esplendor. A crise, o IVE, o mercado, a lexislación… Porque no primeiro que penso é no goberno galego que acumula subterfuxios para non apostar realmente pola nosa cultura, mesmo como PIB, e iso mentres vemos como se dilapidan euros e máis euros en fundacións e actividades culturais que nin nos representan, nin se expresan na nosa lingua. Con todo, hai unha fenda de luz a través daquelas institucións que son responsábeis e pulan pola nosa lingua e a nosa cultura.
– SG: Que evolución agardas da cultura galega a cinco anos vista?
– MD: Teño a certeza de que o movemento asociativo vai seguir traballando arreo e vai darnos a oportunidade de gozar de toda a diversidade cultural en que o noso país é tan rico. O movemento asociativo foi e é fulcral para a nosa cultura. E ten futuro, el é o que nos sostén e nos fai medrar. Nada sería de nós sen as entidades de carácter nacional ou local que, ao longo do país, dinamizan a nosa cultura. E como son optimista, sei que este traballo intenso, que xa atopa apoios decididos nalgunhas institucións, acabará por mudar a quen ten as máximas responsabilidades e así poderemos iniciar un futuro vizoso para a cultura galega. (…)”