Entrevista de R. Castro a Henrique Monteagudo en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como biógrafo de Casares, como cres que pasará á historia a súa figura?
– Henrique Monteagudo (HM): Creo que basicamente como escritor. Ten facetas moi importantes como editor, de Galaxia e de Grial, e logo a contribución que fixo en canto a un aspecto máis institucional e público, no Consello da Cultura. Pero eu creo que o seu legado máis recordado vai ser a súa obra literaria. Para min non ten dúbida.
– SG: Como chegou o rapaz Casares a unha conciencia galeguista naquel contexto de ditadura?
– HM: El tiña unha relación cos círculos máis literarios e intelectuais de Ourense, aínda que aquilo non era exactamente un contacto co galeguismo. Foi realmente en Santiago, cando veu a estudar na Universidade, con aquela xente que acababa de fundar O Galo, como Arcadio López Casanova, como Salvador García Bodaño, e logo moi rapidamente a través destes dous chega ao contacto con Piñeiro. Realmente foi a través de Piñeiro, aínda que antes toma contacto co estudantado e coa xente nova máis mobilizada no ámbito cultural.
– SG: Que supuxo Piñeiro na súa vida?
– HM: Piñeiro foi fundamental, dío el mesmo, non só polo que supuxo de transmisión dunha memoria e dun coñecemento da historia cultural e política de Galiza que daquela era imposible obter se non era pola vía de coñecemento directo dalgunha persoa coma el que transmitía o legado do galeguismo republicano e do contacto co exilio. Logo nos primeiros anos de contacto con el, nos 60, Piñeiro axudoulle moito. Hai que recordar que tiña problemas serios de saúde, recaía en depresións constantemente, e iso mesmo lle chegou a impedir seguir os estudos. Houbo tres cursos nos que practicamente non fixo nada. Estivo en Xinzo apartado de todo e sen poder estudar. Aí Piñeiro axudoulle moito a saír desta situación, e orientouno na súa vocación literaria. El tiña unha vocación dirixida á poesía, e Piñeiro fíxolle ver que tiña máis dotes para a narrativa. E logo Piñeiro transmítelle o legado galeguista político e cultural. É como unha especie de ‘brúxula’ para el no ámbito político. El mesmo di que Piñeiro lle transmitiu unha visión do mundo e unha actitude fronte á vida. (…)”