Manuel Esteban: “A ira dos mansos naceu como un cabalo de Troia para falar da síndrome de Down”

Entrevista a Manuel Esteban en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): De onde vén o seu interese pola literatura?
– Manuel Esteban (ME): Penso que o camiño é sempre o mesmo e pasa por ler. Ler moito e de todo. A paixón pola lectura, descubrir a capacidade que outorga para comprender o mundo, para tomar perspectiva, é a base mínima sobre a que se sustenta calquera exercicio literario. Pero a iso debe sumarse unha intención comunicadora, a necesidade de explicar a outros a visión propia do mundo. Esa necesidade non sempre existe e, na miña experiencia, acostuma a ser consecuencia de feridas interiores nas que agroma a necesidade de falar, de explicar, de resarcir.
Por outra banda creo que a novela, dentro da literatura, cumpre ademais unha función simbólica para o autor. Como eses xogos dos nenos nos que se proxectan e subliman mediante monecos as frustracións, os desexos, as aspiracións ou as necesidades dos rapaces. A novela é un xeito adulto e elaborado de facer o mesmo: construír personaxes e poñelos contra as cordas para facer aquilo que non podes facer na vida real. Darlle unha válvula de escape ás tensións interiores.
– PG: Que supuxo escribir A ira dos mansos para Manuel Esteban?
– ME: Un alivio. Coido que precisaba botar fora moita carraxe tras o nacemento do meu fillo maior, que ten síndrome de Down. Cando empecei a poñelo sobre o papel non sabía que estaba a escribir unha novela (diso decateime ao final, cando a xente da miña contorna mo fixo ver). O que estaba a facer, como dicía ao principio da entrevista, era xogar cos personaxes, proxectar nesa construción as miñas pantasmas para conxuralas. Foi un autotratamento, se se quere ver así. De feito se te das conta as dúas historias falan de dous pais de rapaces con síndrome de Down. Un deles paradigma do rexeitamento e o outro do contrario, ao seu xeito. E no medio, o inspector Manso, alleo a todo pero intentando atoparlle o sentido a todo iso. Quería librarme de moita morca e contarlle á miña contorna a visión que eu tiña sobre a discapacidade intelectual.
– PG: Por que decidiu acudir ó xénero da novela negra?
– ME: Por tres motivos. Por unha parte o xénero era un vello coñecido meu como lector. Coñecía os códigos e o canon. Por outra banda eu pretendía quebrar a arbitraria regra de medir o que valen as persoas e propoñer eu unha nova unidade de medida. Quería desfacer moito paradigma relacionado coa falsa “normalidade” dunha sociedade aferrada a simplificacións morais e estéticas. Para iso a novela negra ou policial pareceume un territorio axeitado: as convencións morais non aguantan ben nesa fronteira na que para atrapar a un asasino tes que cometer ilegalidades. Nese contexto é máis doado desfacerse dos arquetipos cómodos que funcionan ben cando nada os abanea. (…)”