Suso de Toro: “Eu non quería ser un escritor como os que coñecía, eu pretendía ser un escritor como os que eu admiraba”

Entrevista de R. Castro a Suso de Toro en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Cando decidiches que querías ser escritor?
– Suso de Toro (ST): Xa o decidín cando tiña 16-17 anos, pero logo deixeino pola militancia, eu era do Movemento Comunista. Aí hai unha ruptura de 10 anos, e polo medio o único que fago é crear un grupo de teatro ‘agit-prop’, teatro de guerrilla, uns contos… É dicir, entre os 17 e os 27 é un barbeito para min.
– SG: Hai críticos literarios que din que a literatura actual está formada maioritariamente por herdeiros teus. Tan influinte fuches?
– ST: Caixón desastre e Polaroid son dous libros que tiveron un grande éxito e influencia, pero ao mesmo tempo non están estudados desde o punto de vista da crítica e da estética. É como se só contase a intención miña, que a había. Eu tiña un programa oculto, cando entro, que era realmente modificar a literatura en lingua galega. No ano 73 publico unha autoentrevista na revista de Peleteiro na que me declaro seguidor de Joyce, de Freud, imaxina que pedante era, pero xa daquela dicía tamén “pretendo coa miña obra futura facer da lingua e da literatura galega unha cultura de primeira orde”, ou algo así. É dicir, eu tiña claro de adolescente que a cultura en lingua galega tiña que afrontar unha tarefa histórica.
– SG: Sempre pensaches en grande, como aquel anuncio de Apple, ‘Think big’.
– ST: Si, si. Eu tomábame en serio o de ser escritor en galego. Eu sempre quixen ser un escritor, entre aspas, de verdade. O que pasa é que sabía que tiña un límite que me impuña a ética, que era ser escritor en galego, pero eu non quería ser un escritor como os que coñecía, eu pretendía ser un escritor como os que eu admiraba. E os que eu admiraba todos escribían en linguas que tiñan Estados. Entón, todo o meu destino quedou nesa contradición. Cando eu planto hai sete anos e digo acabouse, o que eu podía andar xa o andei, foi o final dunha escapada que empecei de rapaz. O meu proxecto de escritor non pode ser, non se pode verificar sen un Estado propio.”