Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Ana Cabaleiro:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A perseveranza.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A xenerosidade para compartir tempo e saberes.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que non me xulguen.
4.– A súa principal eiva?
– A dispersión mental.
5.– A súa ocupación favorita?
– Fabular. Camiñar. Fabular. Camiñar. Fabular. Camiñar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ter un recuncho propio para almorzar mirando o mar.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a familia, tanto a de sangue como a elixida.
8.– Que lle gustaría ser?
– A Moura que garda o tesouro: estaría toda a eternidade entretida vendo como os pobres humanos se afanan na súa busca, daríalle pistas falsas, xogaría ao despiste, a algún/ha axudaríalle. De non ser a Moura, elixo ser un paxaro dos que migran dun continente a outro: un albatro, por exemplo.
9.– En que país desexaría vivir?
– Na Galiza liberada.
10.– A súa cor favorita?
– O vermello, en todas as tonalidades posibles.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As silvestres de cor amarela: principalmente a do toxo, a da xesta, a do codeso e a da herba de San Xoán.
12.– O paxaro que prefire?
– O cuco, sempre anuncia unha boa época.
13.– A súa devoción na prosa?
– Virginia Woolf e Alice Munro, en empate técnico.
14.– E na poesía?
– Poeta en Nova Iorque de Federico García Lorca.
15.– Un libro?
– Polaroid de Suso de Toro. No seu momento, marcoume.
16.– Un heroe de ficción?
– O replicante Roy Batty. Tremendo poeta!
17.– Unha heroína?
– Eva, a primeira habitante do Paraíso. Foi a primeira gran rebelde da que temos noticia documentada, e foi unha muller moi valente, un exemplo a seguir.
18.– A súa música favorita?
– Toda a que me recorda a adolescencia, e aí tanto caben Los Suaves como Andrés do Barro.
19.– Na pintura?
– Jean Michel Basquiat.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todas as nais traballadoras, ou sexa, todas as nais.
21.– O seu nome favorito?
– Ramona, que era o nome das miñas avoas “postizas” (eu non coñecín as miñas avoas, e a súa figura ocupárona as señoras maiores do lugar onde nacín).
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A prepotencia.
23.– O que máis odia?
– O abuso, en calquera das súas formas.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Os ditadores. Por poñer un exemplo familiar e próximo, diría Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– A admiración e os feitos militares son incompatibles no meu ideario persoal.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O da palabra falada, encantaríame ser unha estrela da narración oral.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De ningunha.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O optimismo inconsciente e irracional.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A bondade, que é un defecto difícil de atopar pero de consecuencias terribles.
30.– Un lema na súa vida?
– Andaremos e veremos.”/p>