Entrevista de Antonio Manuel Fraga a Andrea Maceiras na revista Criaturas:
“(…) – Antonio Manuel Fraga (AMF): Cales cres ti que son as fronteiras da LIX? (Se as ten, claro!)
– Andrea Maceiras (AM): A historia da literatura infantil e xuvenil é bastante recente dentro da literatura universal. Durante algún tempo penso que si houbo moitas fronteiras na LIX, e de feito negouse incluso a existencia da literatura xuvenil, houbo moita problemática para que se asumise que era algo que existía e que funcionaba. Tamén penso que actualmente o seguinte paso que vai dar a LIX, especialmente a xuvenil, é desfacerse desa idea de límite e pasar cada vez a englobar un público moito máis amplo. De feito, existen obras como Harry Potter que ao principio o público adulto non se atrevía a ler porque tiña unha cuberta que era excesivamente infantil, ata o punto de que houbo que sacar outra edición cunha cuberta máis para adultos.
Hoxe en día, a xente adulta vai ao cinema ou compra libros que están destinados en primeira instancia a un público xuvenil, porque realmente transcende moitísimo esa periodización na idade. Entón, eu penso que o seguinte chanzo vai ser que iso evolucione de tal forma que se amplíe moito máis, se abra, e dea paso a algo diferente. No futuro non vai existir un límite tan claro.
– AMF: Consideras, daquela, que as fronteiras están a rachar e que o que vai haber é un tipo de literatura que tamén pode ler a xente nova, mais non feita en exclusiva para ela?
– AM: Coido que se vai perder ese concepto que relaciona literatura xuvenil exclusivamente con público adolescente. Esa vinculación inmediata vaise perder dentro de pouco, porque cada vez máis os libros que están saíndo en literatura xuvenil xa están buscando enganchar a un público que transcende moito esa etapa da adolescencia. Igual non adultos moi vellos, mais hoxe en día a xente de arredor dos trinta busca xa lecturas nese mercado de literatura xuvenil.
– AMF: Comezaches a escribir moi nova. Cal foi a túa motivación para dares o salto desde o rol de lectora ao de escritora?
– AM: Eu comecei a escribir contos para a miña irmá, que é catro anos máis nova ca min. Agasallábaa cun conto sempre polo seu aniversario, polo Nadal ou en datas así sinaladas. Así foi como comecei a escribir, realmente. Isto foi na primaria. Eramos moi pequenas, case como xogar. Despois, cando cheguei ao instituto, comecei a me presentar a certames literarios. Iso foi un pulo moi importante, porque me animou moito a seguir escribindo. Xa non era algo limitado ao meu contexto familiar, senón que estaba presentándome diante de xente que tiña un criterio específico, un criterio formado. Isto animoume moito. Eu presenteime moitos anos ao certame literario de Cambre, o meu concello, que gañei en varias ocasións, e que me animou realmente a seguir escribindo.
– AMF: Por que decidiches orientar a túa escrita cara á LIX?
– AM: Pois supoño que foi por como comecei. Eu estaba a escribir realmente para unha persoa que era máis nova ca min, polo que procuraba adaptarme sempre aos seus intereses e ás cousas que nese momento a ela lle gustaban ou lle interesaban. Coido que foi por iso.
– AMF: E continúas a sentirte cómoda, supoño…
– AM: Si. Eu estou encantada. Para min o público infantil e xuvenil é fantástico. É un público moi receptivo, moi crítico, moi sincero e moi fresco. A min gústame moito o contacto, as visitas aos institutos e todo iso. Pásoo realmente moi ben. (…)”