
Arquivos da etiqueta: Antonio Manuel Fraga
Presentación de Só para adultos, de Iria Misa, en Gondomar
A Coruña: actividades do 3 de agosto na Feira do Libro 2026
Feira do Libro da Coruña 2026
O programa pode consultarse aquí.
Miño: V Feira da Cultura Encamiño
O escritor galego Antonio M. Fraga, na Lista de Honra IBBY 2026, un dos recoñecementos internacionais máis relevantes da literatura infantil e xuvenil
Artigo de Carolina Sertal en Faro de Vigo:
“A novela Como escorrentar un lobo, do escritor Antonio M. Fraga (Pontedeume,1976), vén de ser incluída na Lista de Honra IBBY 2026 (Organización Internacional para o Libro Xuvenil), unha das distincións internacionais de maior prestixio no ámbito da literatura infantil e xuvenil. Esta obra, publicada pola editora Cuarto de Inverno, foi proposta por IBBY España como representante da creación literaria en galego e se ben Antonio M. Fraga é o único autor de Galicia que figura no catálogo que, na edición de 2026 acadou a listaxe máis longa nos 60 anos do programa, cun total de 191 nominaciones en 52 idiomas procedentes de 59 países, a representación galega tamén está abandeirada pola tradución do catalán ao galego de Que é a guerra, elaborada por Moisés Barcia, de Sushi Books.
Tras coñecer a selección da súa novela para entrar na Lista de Honra IBBY, Antonio M. Fraga sinalou que recibe a súa inclusión na IBBY 2026 «con enorme gratitude e alegría. É unha honra que ‘Como escorrentar un lobo’ se vexa recoñecido nun espazo tan prestixioso da literatura infantil e xuvenil», engadindo tamén que a escrita desta obra lle permitiu no seu momento «viaxar a outras realidades e a outros tempos; foi un proceso gozoso e cheo de aprendizaxes». Así mesmo, o autor de Pontedeume destacou: «Penso tamén en Alfreda Noncia Markowska, cuxa historia e valentía transformaron a novela até se converter na súa protagonista. Gustaríame que a súa historia chegase a moitos lectores e lectoras, porque o seu exemplo de humanidade e coraxe pode achegar unha luz nestes tempos de erros repetidos que estamos a vivir».
Como escorrentar un lobo sitúa a súa historia na Polonia ocupada polos nazis durante a Segunda Guerra Mundial. Mentres agocha dous nenos xudeus da persecución, Noncia recorre aos contos para protexelos do medo, tecendo unha narración que combina memoria histórica, tradición oral e fantasía. Así, a novela de Antonio M. Fraga achega unha reflexión sobre o poder da palabra, a esperanza e a capacidade das historias para resistir mesmo nos tempos máis escuros. Esta inclusión na Lista de Honra IBBY supón un novo recoñecemento á traxectoria de Antonio M. Fraga e reforza a proxección internacional da literatura infantil e xuvenil galega, pois o catálogo da Honour List distribúese internacionalmente e as obras seleccionadas forman parte de exposicións e iniciativas de promoción da lectura impulsadas por IBBY.
En canto a Que é a guerra, escollida como unha das mellores traducións pola organización internacional para o libro xuvenil, este é un libro pensado para responder de maneira sinxela todas as preguntas tras ver noticias sobre a guerra, comprender como funcionan os conflitos bélicos, as súas causas e consecuencias como primeiro paso para a cadar a paz.”
A Coruña: presentación de A lei do mar, de Manuel Esteban
Presentación de A lei do mar, de Manuel Esteban, na Coruña
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) rexeita o asasinato da poeta norteamericana Renée Nicole Good
A AELG reclama respecto para a súa memoria e denuncia o desprezo e a indignidade coa que foi tratada
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) fai público o seu rexeitamento do asasinato da poeta norteamericana Renée Nicole Good. A autora, que recibiu en 2020 o prestixioso Premio da Academia de Poetas Americanos (Academy of American Poets Prize) polo poema “On Learning to Dissect fetal Pigs” (“Sobre aprender a diseccionar fetos de porco”), foi asasinada por un axente do Servicio de Inmigración e Control de Aduanas dos Estados Unidos (ICE), que formaba parte dos efectivos enviados pola administración de Trump a Minneapolis.
Ao mesmo tempo, a AELG reclama respecto para a súa memoria e denuncia o desprezo e a indignidade coa que foi tratada, cando o propio presidente Trump, sen datos sobre ela, se apresurou a colocarse do lado do axente que disparou, xustificando o sucedido baixo o pretexto de ser ela “unha axitadora profesional”, segundo a súas propias palabras.
Porén, se Renée Nicole Good tiña algunha transcendencia social, era pola súa faceta literaria.
As reaccións contra este asasinato levaron a centos de persoas a se mobilizar ante edificios oficiais esixindo a investigación do sucedido e reclamando que se elimine a forza en operacións sobre migración. Unhas mobilizacións que xa se estenderon a outras cidades dos EUA. O propio alcalde de Minneapolis e o gobernador de Minnesota rexeitaron as explicacións oficiais que falan de que tentou atropelar un axente e denunciaron o que está a suceder neste momento nos Estados Unidos. Desde alí chegan novas preocupantes, porque as persoas séntense angustiadas, perseguidas e censuradas.
A AELG solidarízase co pobo norteamericano que padece estes excesos e nomeadamente co colectivo de escritores e escritoras. Nas redes sociais unha imaxe de Renée Nicole Good figura acompañada das seguintes frases:
A plena luz do día
A sangue frío
Por aqueles que ocultan os seus rostros
Detrás de corazóns fríos.
Aquí pode lerse un poema da autora traducido por Antonio Manuel Fraga, a quen agradecemos a autorización para a súa publicación:
Sobre aprender a diseccionar fetos de porco
quero recuperar as miñas randeeiras,
solpores solipsistas,
e sons da selva costeira que son tercetos de carricantas e pentámetros
das patas peludas das
cascudas.
doei biblias a tendas de segunda man
(esmagueinas en bolsas de lixo de plástico cunha lámpada de sal ácido do Himalaia
as biblias posbautismais, as que foron arrincadas nas esquinas das rúas das mans carnosas dos fanáticos, as
simplificadas, doadas de ler, parasitarias):
lembro máis o cheiro esvaradío a goma das imaxes brillantes dos manuais de bioloxía; queimaban os pelos
dentro das miñas ventas,
e o sal e a tinta que se pegaban ás palmas das mans.
baixo recortes da lúa ás dúas e corenta e cinco da madrugada estudo e repito
ribosoma
endoplasmático—
ácido láctico
estame…
no IHOP da esquina de Powers e Stetson Hills—
repetín e esborrancheino até que foi abríndose camiño e ficou estancado nalgún lugar ao que xa non sei sinalar, talvez
no meu ventre—
talvez alí, entre o páncreas e o intestino groso, estea o regato
insignificante da miña alma.
é a regra coa que agora reduzo todas as cousas; de bordes duros e
restelados polo coñecemento que
adoitaba sentar, un pano sobre a fronte febril.
podo deixalos a ambos en paz? Esta fe voluble e esta ciencia universitaria que
apupa desde o fondo da
aula.
agora non podo crelo—
que a Biblia o Corán e o Bhagavad Gita me están colocando os guechos longos
detrás da orella como adoitaba facelo mamá,
e exhalando pola boca "facede sitio para a marabilla"—
todo o meu entendimento escorrega polo queixo até o peito e
resúmese en:
a vida é simplemente
o óvulo e o espermatozoide
e onde se atopan eses dous
e con que frecuencia e con que éxito
e o que alí morre.
Renée Nicole Macklin-Good















