“Queremos tanto a M.V.M.”, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira en Sermos Galiza:
“(…) María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, 1941-Pontevedra, 2005) deixou dito “Ningunha lingua me necesita a min” e a estas alturas afirmámola imprescindible para a dignidade deste sistema literario feble, en parte, pola súa misoxinia. Precisamente a súa modestia e sinxeleza fan resaltar máis a paixón por unha lingua e un lugar que a acolleron afacéndoselle ás contornas do corpo e do pensamento e grazas aos cales puido soñar o seu primeiro libro en galego (Mar adiante, 1973), ou que a fixeron sobreporse á absurdez de teorías machistoides que aluden á ósmose inversa e coleito polo que unha muller non pode definirse políticamente á marxe do seu compañeiro. Por iso antologar poetas novxs, nacionalistas e comunistas, nunha edición bilingüe para que todo o estado coñecese a situación vital e estado de saúde da poesía galega dos anos setenta, foi no seu tempo unha acusación e non un merecido aplauso. (…)
Eu vin falar da historia de amor que esta muller procurou con todo o seu mundo inmediato, desde as crianzas até os animais a quen consideraba almas puras e emocionais con dereito a voz propia. Desde a ensinanza até o amor que fai retroceder a morte no seu xogo de aproximacións. Desde as palabras até as persoas. Desde o compromiso até os perigos que conleva, que a ameazaron e mesmo derrubaron a porta que deu intimidade da súa casa. E vin falar das súas escollas, de como foi debullando a súa biografía de nena fronteiriza nunha raia esluída na Estremadura de posguerra e decidiu o que non: crueldade, inxustiza, represión e acritude e isto deu paso ao si, que soubo abranguer co seu carácter máis tamén coa súa escrita e carácter docente: a voz propia das criaturas insonorizadas na escrita imperante, a aproximación das rapazas aos seus protagonismos, a intelixencia emocional, o activismo cultural coa voz e as mans molladas e non simplemente sentada atrás dun escritorio.
Todo, efectivamente, extraliterario. Así como o son os afectos, as estradas secundarias polas que conducir igual que polas marxes do sistema. Extraliterario como as raiciñas, esas das que tamén provén a palabra radicalidade que afianzou, para a nosa fortuna, a María Victoria Moreno na nosa lingua e no noso sistema literario como unha pioneira que decidiu traballar desde esa raíz que é a LIX, unha base de adestramento dxs lectorxs do futuro, un berce de criterio onde a escrita ten máis que saúde. (…)”