Entrevista a Miguel Anxo Fernández en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Alfonso, o protagonista, é un vello director de cine exiliado que decide volver a Galicia para un programa de televisión nos anos 80. Vostede dirixiu «Galicia no cine» na TVG naquela altura e un dos realizadores homenaxeados foi Carlos Velo. ¿Alfonso é Velo?
– Miguel Anxo Fernández (MAF): Podería, mais no protagonista da novela hai tamén cousas de Blanco Amor e de José Suárez. E a Moraima do título é unha chiscadela á dona de Celso Emilio Ferreiro. Todos eles intelectuais ourensáns exiliados, aínda que me coidei moito de non caer na trampa de servir ensaio histórico, de embarrancar na cousa ideolóxica ou na verborrea panfletaria porque entendo que o lector precisa de espazos de liberdade para interpretar o que lle contan.
– LVG: O regreso do realizador, que tivo que fuxir de Galicia para salvar a vida, reabre vellas feridas. Un político e un directivo da televisión son os seus antagonistas.
– MAF: Melitón e Ulpiano son os malvados porque foron historicamente malvados, así de claro. Non é maniqueísmo, son os vencedores da ditadura e punto. Que cada quen saque as conclusións que goste; iso si, son produto da miña imaxinación, non queda outra.
– LVG: Vellas historias que volven, represión, sucesos nunca contados que mudan o sentido da vida… ¿Como definiría a novela?
– MAF: É unha mestura de thriller político e de memoria histórica, no ambiente na transición do que tanto se fala agora. Semella un tema pouco tocado na narrativa galega, ou cando menos no ton que pretendo. Hai un xornalista de televisión empeñado en recuperar a un vello director exiliado, Afonso, ignorando que provocará unha singular catástrofe co seu empeño. O poder establecido, as institucións, mesmo a clase política, convulsionarán co regreso do director. (…)”